Mobilización estatal pola ILP para regularizar as persoas migrantes

132

#RegularizaciónXa, conformado por decenas de colectivos e redes migrantes organizadas para esixir os seus dereitos en medio da pandemia durante abril do 2020, sae ás rúas novamente este 19 e 20 de febreiro nunha macro recollida de sinaturas enmarcada no lanzamento da campaña pola Iniciativa Lexislativa Popular para a regularización de todas as persoas migrantes sen papeis dentro do Estado español.

Dende o seu nacemento #RegularizaciónXa puxo na axenda política e mediática a necesidade dunha regularización urxente, amplia e sen condicións para as persoas migrantes indocumentadas por unha cuestión de dereitos e de xustiza social e co fin de sair todas xuntas da crise sanitaria.

Despois dun camiño largo, que pasou pola presentación dunha Proposición Non de Lei no Congreso para instar ao Goberno a iniciar un proceso de regularización (PNL que foi apoiada por 8 forzas políticas mais que foi finalmente rexeitada), o movemento #RegularizaciónXa enceta unha nova xeira. Impulsar unha ILP como parte dunha estratexia política que involucre á cidadanía para demandar un proceso de regularización.

Trátase de conquistar o acceso a dereitos fundamentais para mais de 500 persoas (unha terceira parte delas menores de idade), xa que a irregularidade supón estar nunha condición de vulneración permanente, e a perda dun gran aporte económico e fiscal, pero tamén dunha riqueza cualitativa, para o conxunto da sociedade xa que a irregularidade impide contribuír dignamente con capacidades que son esenciais para o sostemento da sociedade e da vida, entre outros.

Esta iniciativa é asumida como un novo exercicio de democracia directa e é liderada por colectivos migrantes e antirracistas a través dun traballo de incidencia política e activismo para denunciar a situación administrativa irregular de colectivos que na súa gran maioría estiveron en primeira liña durante esta prolongada crise sanitaria, exercendo traballos esenciais para prover nos coidados, a alimentación e a prestación de servizos.

Para que a ILP de regularización poida ser debatida no Congreso, debe presentar ao menos 500.000 sinaturas válidas de persoas maiores de 18 anos e con DNI español nos próximos sete meses.

Un proceso de coordinación inxente levado a cabo por máis de 10 comités impulsores por cada territorio, do apoio cidadán e dun traballo conxunto de concienciación e recolección para alcanzar a totalidade de sinaturas que respalden a súa chegada e o seu posterior debate no Congreso. O obxectivo final: colocar na axenda política a importancia da regularización xa que moitas persoas dependen dela para vivir con dereitos e ter poder de decisión, como o resto da cidadanía, nun país que habitan e do cal tamén forman parte.