Mobilización en Stellantis contra a precarización na automoción

240

Coa actual crise dos semicondutores, como nas anteriores, sae a relucir a miseria laboral agochada tras a precarización no sector da automoción. O abuso da contratación a tempo parcial e eventual, así como o uso abusivo que se fai das ETTs e das subcontratacións.

Precisamente son estas persoas con contratos máis precarios as que máis están a sufrir as consecuencias das paradas produtivas. Os seus salarios, xa moi minguados coas categorías de entrada, agora cos días de parada queda reducido a pouco máis do ingreso mínimo vital na maioría dos casos. Para elas non existen mecanismos de protección, quedando fóra da maioría dos ERTEs. Día que non traballan, día que non cobran. Tampouco existe para elas esa “comprensión, compromiso e responsabilidade” que nos piden dende a dirección de Stellantis. A comprensión e o compromiso non pagan facturas, non enchen os frigoríficos nin poñen pratos de comida enriba da mesa. A responsabilidade coas persoas traballadoras é o que lle corresponde a Stellantis, como motor principal do sector na comarca.

A esta diminución nos nosos salarios temos que engadirlle a xestión que fai a multinacional co preaviso das paradas. Temos que estar todos os días pendentes dunha chamada telefónica para saber se comemos ou non. As 25.000 familias que dependemos do sector na comarca temos que vivir por e para Stellantis as 24 horas do día.

Na CUT temos claro que a orixe desta precariedade no sector vén marcada pola agresiva política da multinacional que, non contenta con canibalizar as diferentes plantas na loita entre elas por conseguir novos proxectos, pretende facer o mesmo coas empresas provedoras e auxiliares, exixindo sempre a rebaixa das condicións laborais e económicas da clase traballadora.

Todo isto sucede grazas á pasividade das administracións que teñen a responsabilidade da vixilancia e o control para que se respecte a legalidade. Permitindo o uso e abuso da “forza maior” como argumento para unha crise xa coñecida o ano anterior e que no caso da planta de Vigo vén afectándonos dende febreiro. Non pode ser forza maior cando o problema é coñecido.

Xa se comezan a escoitar voces que solicitan axudas públicas para as empresas do sector, pero non lembran que somos as persoas traballadoras as que estamos asumindo unha vez máis o custe económico desta crise. Daremos cumprida conta do resto de mobilizacións que emprendamos dende esta coordinadora.