Mobilización contra o maltrato laboral na residencia de Caranza

453

As traballadoras da Residencia Mixta de Caranza (Ferrol) volveron concentrarse este venres diante do seu centro de traballo para protestar polo maltrato que veñen sufrindo por parte da actual dirección do centro.

As traballadoras denuncian que son frecuentes os berros ao persoal, así como as malas contestacións e faltas de respecto por parte da actual directora.

“As traballadoras denuncian que son frecuentes os berros ao persoal, así como as malas contestacións e faltas de respecto por parte da actual directora.”

Tamén se producen denegacións de licenzas ou comisións de servizo, así como aperturas de expedientes ás traballadoras que participan das mobilizacións ou protestan polo maltrato.

No último ano producíronse 9 aperturas de expedientes, dos que 4 xa foron arquivados e outros 5 están en proceso de alegacións. Ao entender da representación sindical da CUT, estes expedientes non obedecen máis que a un intento de intentar amedrentar ás traballadoras.

Ata 3 protocolos de acoso foron abertos por parte do persoal contra a actual directora do centro, que foron arquivados.

A de hoxe é a quinta protesta desenvolvida polas traballadoras dende o mes de novembro e prevén seguir mobilizándose e mesmo endurecer as protestas, ante os oídos xordos ata o de agora á súa petición de cesamento da dirección.

Dignidade laboral en Política Social!