Mobilicémonos en solidariedade coas refuxiadas e contra as guerras imperialistas

101

A CUT apoia este fin de semana as manifestacións que en diferentes vilas galegas terán lugar arredor do Día Mundial das persoas refuxiadas e aproveita pra animar a dar continuidade ao activismo en apoio dunha viraxe profunda das políticas migratorias.Non é necesario dicir que todas as persoas temos o dereito de procurar unha vida digna e segura e que, fronte a iso, é reaccionario construír unha infraestrutura militar de protección. Se, ademais, quen a constrúe ten responsabilidade nos conflitos bélicos ou na desigualdade que se atopa en orixe, a regresión alcanza a ignominia.Unha ignominia, unha vergonza e unha agresión racista non é se non o conxunto da lóxica de control de fluxos migratorios da UE. “Unha sinistra infraestrutura de vixilancia, disuasión, control, intimidación e violencia”, como di o manifesto da Rede Galega en apoio ás persoas refuxiadas. A xestión da crise das refuxiadas co acordo UE-Turquía é só unha das súas últimas consecuencias.Fronte a isto, desde a nosa central sindical, chamamos ás traballadoras e traballadores a amosar a súa solidariedade coas refuxiadas. Unha solidariedade que, para nós, non será nunca caritativa, nin susceptible de ser instrumentalizada por cotas de acollida e propaganda institucional, senón de clase, rebelde até o abatemento desta UE que, a cada golpe, dá máis poder ás oligarquías capitalistas en prexuízo das vidas do resto.