Meterse ca Pedra

85

Entrar na Pedra é entrar no mundo. Percorrelo saltando de fronteira en fronteira, tamén sobre as fronteiras legais. Esas que pechan de palabra o que de obra é móbil e inabarcable. A Pedra é o recuncho máis enriquecido de Vigo polo sentido que adquiriu sorteando unha legalidade inxusta. Na miña infancia ourensá A Pedra era A Pedra antes de Vigo ser Vigo.Como na literatura picaresca, A Pedra bebe dun realismo itinerante narrado en primeira persoa, ao servizo de varios amos e dirixido por unha ideoloxía moralizante e desapiadada. Non séndomos irónicos, a Pedra é a Vigo o que o Bazar a Istambul, Camdem a Londres ou A Ladra a Lisboa, onde o 80 % dos produtos que alí se ofrecen son falsificacións.Na Pedra o primeiro que se ofrece é humanidade. É dicir, que atesoura un valor que vai moito máis alá do mero feito de ser un lugar de referencia. Certos feitos, coma o asalto do poder xudicial a este mercado popular a pasada semana confirman as ansias que ten o poder por matar a vida social, comunitaria, as relacións humanas, en definitiva, alá onde agroman. A Pedra é coñecer e recoñecer Vigo. Un cruzamento de camiños, na era das compras por intenet, que axuda de maneira fundamental a tecer a viva arañeira local. Meterse ca Pedra é meterse coas clases populares. Meterse con Vigo.No tempo no que as responsabilidades penais se dilúen coma pedras de xeo no whiskey dos poderosos, ninguén pedirá amnistía para a Pedra. Ninguén verá que a intensidade, o desconcerto e a curiosidade que emana da Pedra marcan o ritmo, para ben, da idiosincrasia viguesa. Matar a Pedra, é matar os mercados populares, é matar un dos poucos elementos comúns a todas as culturas. O pouco que queda de común en Vigo.

Por Xosé Antón Laxe Martiñán, membro da Asemblea Xurídica Galega.