Metal de Pontevedra: a estratexia para un obxectivo

275

A prensa transmitiunos no seu día o comezo da negociación do Convenio do Metal de Pontevedra. A parte social configúrana os sindicatos maioritarios CIG, CCOO e UGT. O pasado día 15 e onte día 20 de xuño, os traballadores do metal foron convocados á Folga como resposta á negativa da patronal ASIME a avanzar na negociación.

Segundo os sindicatos negociadores non hai acordo porque a suba salarial é insuficiente e a Patronal négase a aceptar a subrogación das persoas traballadoras nas subcontratas.

Segundo anuncian os sindicatos maioritarios, se a patronal non accede a aceptar a revisión salarial conforme á suba do IPC e á subrogación mencionada, este xoves 22 volve haber Folga.

Chegados aquí cómpre facer unha pequena reflexión: de onde vimos, a onde imos e que queremos as e os traballadores do metal. No sindicalismo, coma noutros ámbitos da vida, non é posible lograr os obxectivos fixados sen antes analizar o contexto, a correlación de forzas e fixar unha estratexia que nos leve á conquista de dereitos. Este Convenio Colectivo non é calquera cousa, non só polo número de afectadas, senón polo valor simbólico e referencia para o conxunto da clase traballadora.

Á hora de marcar a estratexia de loita neste sector, non podemos obviar dúas variables fundamentais a maiores de todas aquelas que afectan a todo tecido socio-laboral. A primeira é que non podemos esquecer a vergoñenta sinatura no ano 2021 do anterior Convenio Colectivo, sinatura contestada amplamente polos traballadores e traballadoras afectadas. En segundo lugar, o adelgazamento do Sector Naval determinante na loita do sector.

O inimigo, a Patronal, sabe das nosas eivas e sobre todo sabe tamén dos seus cómplices á hora de afociñar a loita sindical verdadeira e honesta e, por suposto, de queimar aos e ás traballadoras no exercicio non calibrado e non preparado da Folga.

Hoxe, mes de xuño do 2023, só é posible arrancar da Patronal un Convenio digno cunha boa e xenuína organización que permita golpear a estratexia patronal. Sen Asembleas vivas, reais e participadas en Vigo, Arousa, Pontevedra e o Deza, faise inútil o combate. Esta dinámica asemblearia permitiría unha mobilización que cambiaría a correlación e faría de novo crer ás e aos traballadores defraudados no ano 2021.

Estamos a tempo. A negociación das corporacións sindicais ao marxe dos e das afectadas só ten un camiño: a derrota e o empeoramento das condicións das e dos traballadores do metal de Pontevedra.

Secretariado Político da CUT