Comeza a negociación do Convenio e dende a CUT pretendemos afrontala coa máxima seriedade e coa responsabilidade sindical que nos caracteriza.
O Convenio Colectivo é un marco “negociado” no que se establecen os dereitos e as obrigas das persoas traballadoras, regula as nosas condicións laborais, salario, horarios, días de descanso, ritmos de traballo, tipos de contrato e contratación, etc… En definitiva regula parte da nosa dignidade como persoas traballadoras.
Polo tanto todas as nosas propostas están centradas como obxectivo, na recuperación de dereitos sociais i económicos e a súa mellora, acorde coa boa situación da empresa.
Para poder recuperar o traballo digno o principal é recuperar a dignidade no trato por parte da nosa xerarquía, que os postos sexan irrealizables non é culpa nosa, non somos uns vagos. Para atallar o problema das cargas de traballo e as des-composicións aos que somos sometidos/as, ningún vehículo debe superar o tempo ciclo, unha petición que conxuntamente parte dos sindicatos de clase pediamos fai meses atrás. A saúde das persoas traballadoras non é negociable. Para ter futuro hai que ter presente.
O seguinte obxectivo é recuperar unhas condicións económicas decentes. Non podemos condenar ás persoas de nova incorporación a vivir na miseria. Un eventual cobra hoxe menos que no 2014, e case o mesmo que no ano 1996.
Pelexaremos pola eliminación das categorías inferiores e que o aumento salarial teña un factor corrector dende o nivel 4 cara abaixo que permita reducir a diferencia a 500€ anuais entre as distintas categorías.
Temos o salario practicamente conxelado dende 2014, mentres o IPC nestes 4 anos subiu un 5.2% o noso aumento foi só do 1.23% e as ganancias do grupo foron de 9 mil millóns de euros, aumentando os seus beneficios nun 126.4%. O Sr. Tavares aumentou o seu salario un 267.5% (inda faltan os datos do 2019). Defendemos o reparto das ganancias entre todas/os, non duns poucos/as.
Pelexaremos pola consolidación dunha paga extra no mes de Marzo, non esa paga de beneficios na que eles deciden e modifican o seu antollo os parámetros sobre os que a cobramos e que sempre nos discrimina con respecto as fábricas de Francia. No 2019 cobraron 2.300€ máis ca nós.
O plus da quenda fin de semana ten que aumentar substancialmente, o esforzo de traballar 13 horas seguidas en Sábados, Domingos e festivos deixando de desfrutalos coa familia e amigos, ten que verse recompensado. O mesmo para a quenda de noite, tódalas horas da noite teñen que valer o mesmo e temos que recuperar e incrementar ese 21% que se perdeu no 14.
Outro punto moi importante é o tempo de traballo, temos que acoutar os horarios á carta que sempre son modificados sobre a bocina, temos que coñecer as nosas vacacións o comezar o ano e ter como mínimo dous días de desfrute individual que serán tres paras quendas de noite e F/S para compensar os seus horarios máis precarios. Posibilidade de desfrute dos días de exceso de xornada anual. Os contratos a tempo parcial, a retirada das cláusulas de variabilidade deben ter caducidade no tempo, e as novacións deben realizarse por rigoroso orde de antigüidade.
Conciliar as necesidades das persoas coas da empresa: Poder ir ao médico e poder acompañar as nosas fillas/os ou persoas dependentes ao noso cargo sen que nos custe cartos do salario. Poder acompañar as nosas parellas, fillas/os, nais, pais, irmáns o día que os interveñan inda que non queden ingresados.
Incrementar a 5 minutos de parada mais o final da quenda para o aseo persoal evitando deste xeito ter que saír coa funda posta para a casa ou correndo a coller o autobús.
Incluír aos cadros directivos no Convenio e poder coñecer as súas condicións económicas e sociais. Quen vota ao Comité que ten enfronte e impón as nosas condicións, non pode estar ao marxe delas e con privilexios ocultos que segundo nos consta estabelecen seguros de vida privado con contías superiores a maioría da plantilla, 5 días máis de vacacións anuais, vantaxes na adquisición de vehículos, e un salario descoñecido así como outros supostos pluses por obxectivos… etc.
A plataforma elaborada pola CUT cas aportacións da nosa asemblea de afiliadas, será a que defendamos e que nesta nota recollemos moi brevemente, a mesma a faremos publica ao longo desta negociación.
Mereces máis
NON TE CONFORMES CON MENOS
CONVENIO 2020