Medra o paro e PSOE e PP escenifican o “Pacto antiterrorista”

47

Rematou o mes de xaneiro e en Galicia a taxa de desemprego medrou en 7000 persoas que se incorporan ás filas da desesperación. Aínda hai poucos días que desde esta web alertábamos da mentira que escondía a lectura dos datos da EPA por parte do goberno do PP e demais socios do réxime. Da mesma meneira que diciamos que o anuncio da previsión do PIB para o ano 2015 non significará senón todo o contraio de un aumento nos salarios.
É imprescindible para enfrontar o futuro inmediato que a clase traballadora non caia na confusión e nos espellismos deseñados polo aparato de propaganda do réxime. Cómpre saber ler entre liñas e analizar correctamente esta etapa histórica do capitalismo. En concreto nun modelo económico fallido a maiores como o do Estado Español onde tampouco hai posibilidade de mellora real se non é rompendo o sistema herdado da Reforma Política Franquista. O PIB no 2015 claro que medrará, e ó seu abeiro tamén engordarán as grandes fortunas e a oligarquía. Pero ante nós, a clase traballadora, só temos por diante un horizonte de miseria con soldos de fame para quen traballe, a presión fiscal insoportable e seguir engrosando as ringleiras do INEM como continxente reservado para exercer de man de obra barata cando toque. Paralelamente, o PP e o PSOE acaban de asinar un Pacto Antiterrorista contra a Yihad. Todo un eufemismo que agocha as intencións represivas do sistema español contra as capas populares. Véñena de pór en escena os representantes do bipartidismo, non máis que as caras visibles dun sistema á deriva e en crecente descrédito. Por un lado Mariano Rajoy, cabeza conxuntural do tardofranquismo e, polo outro, o pésimo líder transitorio do PSOE, un farsante da talla de Pedro Sánchez. Estamos perante unha nova pantomima destinada agora a combater o invento do “perigo islámico” pero que, en realidade, agocha un paso máis na espiral profundamente restritiva dentro da planificación global contra a clase traballadora. A propia historia recente achéganos unha boa experiencia do que supoñen os pactos antiterroristas no Estado: a involución democrática. A través da coartada criminal do caso Charlie Hebdo, este novo acordo precociñado perfílase como outra tentativa camuflada para asfixiar os nosos dereitos e toda resposta de mobilización. Ó tempo.