Manuel Salgueiro: “Co resultado do referendo contra o preacordo en Copo Ibérica venceuse o discurso do medo”

291

Manuel Salgueiro Montes, vigués de 37 anos de idade, é voceiro da CUT no Comité de Copo Ibérica, empresa de asentos auxiliar de Citroën, Renault ou Seat. Con 22 anos comezou a traballar na empresa arrastrando sete anos de contratación temporal. Hoxe por hoxe protagoniza co conxunto da Sección Sindical a posición contraria ás “rebaixas gratuítas” fronte a un preacordo de Convenio rubricado pola CIG e a Dirección da empresa, pulverizado polo non no referendo. Peón de cadea de montaxe durante 15 anos, explícanos a situación da empresa.

P.- Como empeza a túa actividade sindical en Copo Ibérica?

R.- Procedo do mundo político e asembleario. Ao ver como na túa fábrica se van retraendo dereitos sociais queres entrar e achegar todo o que poidas a través do Comité de Empresa. Ao dimitir un compañeiro do Comité a CIG, da que eu era afiliado, ofreceume suplilo. Aí, no 2008 empezo a miña etapa como delegado, que abandono tres anos despois. Decidín marchar por diversas irregularidades na Sección Sindical e non volver a presentarme.

P.- Despois de tres anos de inactividade sindical, que determina a vosa aposta pola CUT?

R.- Non, ao contrario, foron os tres anos de máis actividade sindical, facéndolle frente á persecución sindical dende a base. Eu xa coñecía á CUT na que pasara unha tempada afiliado, cando xurdiu todo o conflito coa CIG eu e mais outros compañeiros e compañeiras quixemos dar outro punto de vista dende a CUT, cun modelo sindical nos gustaba. Foi difícil facer a lista polo medo ás represalias da empresa.

P.- A que se deben eses medos?

R.- Hai medo porque xa houbo represalias, por iso dicía xustamente que eran os tres anos de máis actividade sindical, porque xa se deran casos de xente que foi despedida logo de marchar do Comité de Empresa mostrando o seu descontento co funcionamento. Naquel momento vinculábase á representación sindical co punto de vista oficial e os intereses da empresa.

P.-Este ano entrastes de cheo na negociación dun novo Convenio Colectivo. Como empeza?

R.- A CUT solicitou no mes de xuño que se reunira a mesa negociadora e a CIG non quixo que se reunira ata setembro. En setembro foi a propia empresa a que denunciou o Convenio. Se non lembro mal é a primeira vez que a empresa denuncia o Convenio. Comunícanos a urxencia da negociación pola adxudicación da xa famosa furgoneta K9 que tanto medo dá en todas as empresas do sector, dicindo que precisan ser máis competitivos e abaratar a man de obra para que o cliente lle encargue a K9.

P.- A CUT introduce un sistema de enquisas para a elaboración da plataforma. Como resultou este método?

R.- A plataforma construiuse asesorados pola CUT que nos propón facer unha enquisa entre os traballadores e traballadoras con preguntas moi básicas sobre que reinvindica cada quen do Convenio (aumentos salariais, permisos, mutua, roupa…) e repartiuse entre o persoal para que respondese de xeito anónimo e en furna. A esa enquisa respondeu o 85% do persoal, a partir daí elaborouse a plataforma da CUT.

O resultado deste método é moi positivo, ao apartado dos formularios aberto a suxerencias déuselle moitísimo uso o que indica que a xente ten ganas de falar, de dicir cousas, de dar ideas… e curiosamente as queixas eran case todas sobre dereitos sociais ou equipamentos. É indignante que siga a haber problemas con cousas tan básicas como a roupa de traballo.

P.- A CUT ten 4 membros no Comité, a CIG 5. Como se elabora a plataforma unitaria?

R.- Nós presentamos a nosa plataforma nunha asemblea aberta a todos os traballadores e traballadoras. A CIG elaborou unha plataforma propia e presentouna aos seus afiliados/as e simpatizantes. Logo convocouse un Comité e ambas as plataformas eran similares. Sen embargo tivemos negociacións bastante duras porque a CIG propoñía suprimir o artigo 17 do Convenio, que garante a contratación indefinida para ocupar as vacantes nos casos de morte ou prexubilación do titular, mantendo o emprego. Logo de moito discutir aceptan a nosa esixencia de manter ese artigo. Nese momento temos xa plataforma unitaria.

P.- Temos escoitado ao noso Secretario de Organización R. Castro afirmar que “os termos nos que a negociación colectiva de Copo Ibérica se desenvolva serán determinantes para as futuras negociacións do sector”. Por que?

R.- Estamos convencidos e convencidas de que este convenio se está vendo con lupa pola patronal doutras auxiliares do automóbil, mesmo Citroën denunciou antes de tempo o seu Convenio. Temos claro que hai unha política do Clúster do Automóbil pedindo que se acepten recortes sexa coa excusa da K9 ou con calquera outra. Isto é preocupante. A nosa negociación é a primeira, e vai marcar camiño.

P.- En que momento rompe a unidade sindical na empresa?


R.- No momento en que a empresa amosa as súas cartas. Máis e máis recortes… eliminación do plus de antigüidade para novas incorporacións, conxelación salarial, eliminación para os eventuais da paga de produtividade (coa que esquivaron durante anos o aumento salarial) e a súa redución no 75% para os indefinidos e a proposta de 100 horas de flexibilidade entre outras. Cando se somete a valoración do Comité os compañeiros e compañeiras da CIG estaban dispostos/as a negociar estas rebaixas, porque entendían que a empresa “o necesitaba”. Mudaron de criterio dun día para outro. Nós dixemos que se empresa necesitaba aforro habería máis medios para conseguilo, xa levamos sufrindo catro anos de conxelación salarial. Amparándose na súa maioría no Comité pasaron o “rodillo” da maioría e entraron a negociar. A empresa non aceptou máis do que un artigo dos propostos. Foron eles o que aceptaron rebaixa tras rebaixa.

P.- A que preacordo chegaron a CIG e a Empresa?

R.- No momento en que abandonamos a negociación estaba sobre a mesa o aumento da xornada laboral en 8 horas durante catro anos, a moderación do artigo 17 ata facelo inefectivo, a redución do 25% da paga de produtividade, a eliminación da antigüidade para novas incorporacións e conxelación para o resto e un suposto aumento salarial salarial vinculado ao EBITDA, o que na práctica é máis conxelación. Nin sequera poñendo as prexubilacións incentivadas na mesa coas pretenderon romper a resposta da plantilla conseguiron gañar o referendo.

P.- Que pasou no Referendo dese preacordo?

R.- Na asemblea xeral para o referendo do preacordo coñecemos o contido do texto que nos agocharan. A CIG traslada que a empresa puxera sobre a mesa ou sinatura ou despedimentos e descolgue de Convenio, algo do que nunca se falara mentres nós negociamos. Unha estratexia para forzar á sinatura. O resultado do referendo foi dunha clara maioría do cadro de persoal contra o preacordo con 79 votos, fronte 56 votos a favor e 7 en branco. Nós nin sequera pedimos directamente o voto en contra, senón que nos limitamos a desmantelar o argumentario pactado entre a CIG e a Empresa e a pedir que se votase de xeito responsable e libre. Cando as decisión veñen marcadas directamente dende un despacho, sen participación, algo non funciona. Con esta votación perdeuse o medo e fíxose un exercicio libre e claro do voto.

Que mensaxe transmite con isto o persoal de Copo Ibérica ao resto do sector?

Que non pode haber rebaixas gratuitas, evidentemente. Estamos fartas e fartos de que nos conxelen o salario a cambio de que a Dirección da Empresas non faga o seu traballo. ?