A Central Unitaria de Traballadoras (CUT) tivo acceso a unha serie de comunicacións internas entre altos cargos e persoal directivo da Consellería de Política Social que revelan a existencia de graves manobras antisindicais que teñen por obxectivo evitar a entrada deste sindicato na representación colectiva dos centros dependentes da administración autonómica.
Trátase, en concreto, de correos electrónicos cruzados entre María Blanco Aller, Directora Territorial de Política Social na Coruña, e Eva Fuertes Ayerdi, Directora do Centro de Atención a Persoas con Discapacidade (CAPD) da cidade herculina, no marco da exploración da viabilidade da promoción dun expediente disciplinario a unha persoa traballadora, nos que participa tamén, como mencionada e receptora, María Sóñora Ferreirós, Xefa do Servizo de Coordinación Administrativa.
“´Se iniciamos algo agora….podería ser o acicate para que a CUT se vos meta aí, máis aínda do que xa o están intentando´”
Nun deses correos, a máxima autoridade provincial trasládalle á directora do centro de discapacidade a necesidade de que prospere o expediente disciplinario cuxa suficiencia de proba está a valorar, sempre que a directora do CAPD conte con testemuñas que respalden a súa versión, xa que, doutro xeito, “se iniciamos algo agora….podería ser o acicate para que a CUT se vos meta aí, máis aínda do que xa o están intentando”.
“O conxunto das comunicacións ás que tivo acceso a CUT proban da maneira concluínte prácticas que estenden a sospeita de nulidade e perversión sobre o inxente número de expedientes informativos e disciplinarios que se incoaron nos últimos dous anos en varios centros de traballo da Consellería de Política Social”
Ademais da ilexítima intromisión no dereito á liberdade sindical que evidencian estas conversas entre persoas con altas responsabilidades na administración pública galega con interese expreso en neutralizar a un sindicato, o conxunto das comunicacións ás que tivo acceso a CUT proban da maneira concluínte prácticas que estenden a sospeita de nulidade e perversión sobre o inxente número de expedientes informativos e disciplinarios que se incoaron nos últimos dous anos en varios centros de traballo da Consellería de Política Social, como a Residencia de Maiores de Caranza, en Ferrol, onde chegaron a concentrarse ata 21 procedementos sancionadores que remataron en arquivo e co posterior cese da responsable dese centro.

Os correos evidencian ás claras unha dinámica de coordinación e intercambio de información prohibido, polo papel que as mencionadas representan, para armar unha estratexia de fabricación de acusacións disciplinarias, recrutamento de probas e intercambio de propostas sobre as sancións, antes do inicio dos propios expedientes, sen ningunha garantía para as persoas traballadoras. Son prácticas de desviación de poder que afectan varios dereitos fundamentais.
“A Central Unitaria de Traballadoras solicitará unha xuntanza urxente coa conselleira de Política Social, Fabiola García, para poñer no seu coñecemento a información da que dispón e esixirlle, en consecuencia, os ceses da Directora Territorial da Coruña e do CAPD en cuestión.”
A Central Unitaria de Traballadoras solicitará unha xuntanza urxente coa conselleira de Política Social, Fabiola García, para poñer no seu coñecemento a información da que dispón e esixirlle, en consecuencia, os ceses da Directora Territorial da Coruña e do CAPD en cuestión, apuntando tamén ás posibles responsabilidades doutras persoas envoltas. A CUT aproveitará a ocasión para solicitar unha análise profunda das causas que están a converter Política Social nun polvorín onde as condicións de traballo para as persoas traballadoras son insoportables.












