Seguindo co acordado na I Asemblea Nacional das Marchas pola Dignidade, mañá, 30 de abril, terán lugar unha concentración nas oficinas do Servizo Público de Emprego de A Coruña, Compostela e Vigo na que se dará lectura ao seguinte manifesto.
NON AO PAGO DA DÉBEDA
FÓRA OS GOBERNOS DA TROIKA
EMPREGO DIGNO PAN, TRABALLO E TEITO
As Marchas da Dignidade acordamos que a primeira acción de continuidade do 22M sexa unha xornada de loita contra o paro masivo. Hai máis de seis millóns de razóns para esta mobilización. Somos máis de seis millóns de persoas en todo o Estado español as que estamos a sufrir o drama do desemprego. A metade non recibimos ningunha prestación e un millón e medio recibimos a ridícula axuda de 426 €. En Galicia, temos case un 22% de desemprego que se eleva a pretp do 31% no caso da mocidade.
O paro masivo é a demostración palpable da ineficacia dun sistema, o capitalismo, que só favorece aos intereses dos poderosos e dunhas políticas fracasadas, as da Troika, que só miran polos bancos e castigan ás persoas.
A última reforma laboral, presentada aos catro ventos como a solución, resultou un desastre para a creación de emprego. Cada minuto destrúese un emprego, é a expresión gráfica do fracaso absoluto das políticas neoliberais.
Non nos enganemos. A reforma laboral vai asociada a un conxunto de ataques contra as conquistas e dereitos da maioría social. O recorte das pensións, a reforma da administración local, a reforma educativa, o desmantelamento das axudas ás persoas dependentes, o pago da débeda, o aumento da idade de xubilación, a destrución dos servizos públicos de sanidade, xustiza ou educación, a perda de poder adquisitivo, a escravitude hipotecaria, a precariedade laboral, os desafiuzamentos,… forman parte dunha brutal ofensiva contra os de abaixo, contra a clase traballadora, contra a cidadanía, contra o pobo.
Unha ofensiva que busca roubarnos dereitos para engrosar os seus beneficios e as súas contas nos paraísos fiscais. Proba diso é que desde que estalou a crise creceu o número de persoas millonarias mentres o número de persoas con pobreza severa dobrouse.
Ante este escándalo a resposta do poder establecido sempre é a mesma: a represión, que busca criminalizar a protesta social ante os desmáns dos gobernos. Unha represión que vivimos especialmente na xornada do 22M e días posteriores. Unha criminalización executada desde todos os ámbitos, incluídos os medios de comunicación oficiais, e despregada como cordón sanitario para tratar de impedir que a poboación se una masivamente á loita.
Hoxe queremos lembrar a dous compañeiros que están a sufrir inxustamente a represión e o cárcere. Miguel, de 20 anos, e Ismael, de 18. Dous mozos inocentes que están a sufrir nas súas carnes a represión brutal deste goberno que pretende coa súa Lei Mordaza e as súas conspiracións para-policiais converter a mobilización cidadá nun conflito de orde pública.
Esta é unha mobilización polo emprego digno, contra o pago da débeda, pola renda básica, polos dereitos sociais, polas liberdades democráticas, contra os recortes, a represión e a corrupción, por unha sociedade de mulleres e homes libres; é un acto contra un sistema, un réxime e uns gobernos que nos agriden e non nos representan.
A dignidade segue na rúa esixindo PAN, TRABALLO E TEITO.