10 de Marzo: Conciencia de clase e nacional na loita sindical
Non hai conciencia de clase sen memoria histórica, e non hai loita obreira sen conciencia de clase. Esta é a certeza que nos obriga a tomar as rúas neste 10 de marzo, Día da Clase Obreira Galega. E farémolo para explicar de novo que é e para que existe a CUT.
Nacemos no ano 1999 para reivindicar a memoria colectiva da clase traballadora galega e a nosa conciencia nacional, cando xa había quen pretendía comezar a reescribir a nosa historia camiñando cara a un sindicalismo máis cómodo dentro do sistema, máis de zonas de confort…
Levamos vinte anos cargando con todos os estigmas e mentiras de quen pretende desacreditarnos coa única intención de agochar a súa comodidade e sen máis argumentos que a falacia; pero resistimos, e facémolo porque contamos con esa memoria que nos ata ao pasado para guiarnos cara ao futuro. Daniel e Amador portan o fío invisíbel que nos une ao obxectivo dunha Galiza ceibe e proletaria. Calquera outra lectura do 10 de marzo é só a tentativa de borrar a nosa memoria, unha farsa socialdemócrata para traizoarnos novamente.
Daniel e Amador foron asasinados polo réxime fascista-capitalista mentres tomaban as rúas na defensa do común. Hoxe seguimos a ter capitalismo e seguimos a ter fascismo porque así o acordaron na chamada Transición. A única diferenza entre entón e hoxe é a memoria: no ano 72 sabiamos cal era o lado da barricada, sabiamos cal era o inimigo e as súas forzas, e sabiamos que a conciencia de clase non era reivindicar só melloras persoais, ía moito máis alá. Hoxe estamos máis alienados ao capital que nunca, ata o punto de confundir a loita sindical coa loita por un convenio, cando isto non é máis que unha anécdota.
Como clase traballadora estaremos explotadas mentres non deamos un paso cara adiante. E para dalo temos que mirar atrás, facer memoria. Só avanzaremos se nos recoñecemos como galegos e galegas, na nosa lingua proletaria e pensando na destrución do sistema, non en xogar a ser de esquerdas nos salóns que nos brinda o capital para entreternos pensando que algo facemos.
Neste 10 de marzo faremos memoria para gañar o futuro!!!