SINDICALISMO COMBATIVO FRONTE AO REARME DO CAPITAL
Desde o sindicalismo combativo de CUT, CGT, Sindicato da Elevación, Sindicato Ferroviario da Confederación Intersindical, STEG e PROSAGAP, consideramos que este 1º de Maio de 2020 será a bo seguro un punto de inflexión na loita de clases, en Galicia e no Mundo. A pandemia da Covid-19 que azouta aos pobos de todos os continentes, ademais do regueiro dramático de mortes, puxo ao descuberto o carácter criminal do sistema capitalista. Efectivamente a pandemia do coronavirus é unha crise sanitaria gravísima, pero o máis grave aínda está por vir se a clase traballadora e os sectores populares non somos quen de parar os plans do Capital.
Aínda que o mantra da desinformación, a manipulación e a mentira, trata a diario de arrastrar e acalar á opinión pública a través de certos medios de comunicación, non puideron nin poderán agochar a podredume dun sistema caduco, non só incapaz de afrontar a pandemia, senón ademais de evidenciar o seu carácter perverso e inhumano. A xestión da crise que está a desenvolver o Goberno do PSOE-Unidas Podemos non difire máis ca en matices coa que se enfronta o coronavirus no resto dos países da contorna, pero dende logo encóntrase fortemente condicionada pola lóxica protectora dos intereses do Capital que rexen a nivel planetario. Ponse de relevo tamén a herdanza das políticas neoliberais dos gobernos da dereita da última década, xa iniciadas na segunda metade do goberno de Zapatero. Así, en moitos casos, segue a poñerse en risco a vida da clase traballadora.
O caso máis aberrante é o das traballadoras da sanidade pública, sendo especialmente rechamante a acción do Goberno de Feijóo no noso país, quen ostenta as competencias en sanidade: cómpre lembrar que nos últimos dez anos elimináronse na Galiza 11 hospitais públicos, recortando camas, medios e persoal sanitario (o conselleiro galego de Sanidade dicíanos que “las camas son necesarias en los hoteles, no así en los hospitales”), así como orzamentos, ao tempo que se puxo en mans amigas a privatización da rede pública de residencias de maiores.
A protección económica á paralización da actividade laboral debera ser moito máis ambiciosa e decidida, tomando como central o máis vulnerábel da situación: a traballadora e o traballador. E de fondo, o ruído incesante da dereita e da extrema dereita que ven a ocasión perfecta para tombar un goberno xa moi feble e asestar o golpe definitivo á clase traballadora, nun alarde penoso de condutas, estrataxemas, mentira e falsidades.. Rexeitamos o excesivo papel que se lle conferiu ao exército na xestión desta situación, condenamos o abuso da forza represiva en situacións que non o demandaban nin o requerían e esiximos que cada unha destas accións sexan perseguidas e castigadas cando sexa oportuno: ningún elemento das forzas do estado está exento do cumprimento da lei. Pois sabemos ben do excesivo celo co que se ten aplicado esta xente noutros momentos históricos. As elites económicas saben ben das consecuencias desta crise, crise estrutural capitalista que xa o era, e desta maneira prepara o terreo para afrontala. Como sempre será con recortes á clase traballadora, e o intrínseco apontoamento das ferramentas represivas, coa tentación da supresión de dereitos e liberdades.
Os gobernos europeos sen distinción demostraron a súa incapacidade sanitaria para a situación que nos está a golpear, quedando ao descuberto as políticas neoliberais dos últimos anos que fixeron dos recortes e privatizacións sanitarias as políticas protagonistas. A incapacidade quedou manifesta ate na ausencia de máscaras e incluso de fabricalas. Todo un paradigma dramático e tamén grotesco. A Unión Europea, o artefacto económico-represivo de xestión do capital, evidenciouse de maneira descarada como que é. Non deu un paso sen que antes falara o BCE e non precisamente para beneficiar aos sectores mais golpeados pola crise sanitaria. Todas e cada unha das medidas financeiras e de gasto postas enriba da mesa, veñen a ser inxeccións para a banca e o Gran Capital. Nin que falar daqueles que de xeito criminal están a aproveitar a crise para acumular máis riqueza e beneficios; Amazón, a industria alimentaria… en moitos casos arruinando aos produtores primarios da agricultura, gandería ou da pesca.
Os sindicatos combativos que asinamos este chamamento temos claro que a recesión capitalista en marcha vai ser pagada pola clase traballadora se é que non nos organizamos para facerlle fronte. Que mellor que este 1º de Maio, Día do Internacionalismo Proletario, para facer un chamada de alerta urxente para enfrontar o que nos ven enriba! O mais grave, séndoo, non van ser os ERTES ou os ERES actuais. Tampouco vai selo a actual exposición de risco daquelas que seguimos na actividade laboral sen protección. O realmente grave e cruel na lóxica capitalista de facernos corresponsábeis, van ser os novos recortes salariais, recortes das pensións, os despedimentos masivos, os embargos, os cortes de enerxía e a represión policial e xudicial para asegurar manter axeonllada á clase traballadora. Compañeiras e compañeiros, temos e debemos de tomar conciencia da conxuntura dramática.
Organizados e con unidade é posible reverter a situación. Outro modelo é posible se a maioría social co protagonismo da nosa clase comeza a camiñar. VIVA O 1º DE MAIO!!