Manifesto 1º de Maio: “Imos ser os ríos que desbordarán”

277

As rúas semellan ríos sen auga. Sabemos que por elas debería desbordar unha marea de clase traballadora cos seus berros, coa forza popular consciente da súa clase e da súa forza para conquistar os nosos dereitos, para sermos donos e donas dos medios de produción, do noso destino.

Pero as rúas están en silencio e nós, como sindicato de clase, temos parte de responsabilidade nesta situación. Caemos no desánimo e na trampa da resistencia como única solución ante os golpes do capital nos últimos dez anos.

Caemos no desánimo e na trampa da resistencia como única solución ante os golpes do capital nos últimos dez anos.

É a hora da audacia, da alegría, a hora de deixar de lado o simbólico, de rematar coa clase traballadora como fórmula estética ou discurso oco; é hora de recuperar a conciencia individual non coma a construción do “eu” capitalista, senón para ser homes e mulleres que conformamos unha clase social para vencer.

Deixemos atrás as datas como conmemoración, como días nos que contar cabezas ocas, e saiamos a tomar as rúas cunha única voz, que xamais será a de ningunha estrutura propia do poder. Só poderá ser a voz popular, a man traballadora e a memoria do que fomos e seremos.

A clase traballadora temos a responsabilidade e a obriga de manter e ampliar os nosos dereitos, de conquistar os medios de produción, de traballar para vivir, de formarnos na liberdade e no compromiso, de parar o imperialismo na súa actual fase de globalización.

imos encher as rúas, ser os ríos que desbordarán. Imos deixar ben claro que remataron os tempos do conformismo, que a derrota non era máis que unha paréntese na que coller folgos

A clase traballadora somos a revolución bolivariana, somos as persoas migrantes, somos as explotadas, somos cada muller asasinada polo patriarcado capitalista, somos as kellys, somos Palestina, somos a folga que flúe e xa se achega de novo para voltear a pirámide.

Este 1 de maio imos encher as rúas, ser os ríos que desbordarán. Imos deixar ben claro que remataron os tempos do conformismo, que a derrota non era máis que unha paréntese na que coller folgos, optimismo e alegría para a loita que imos dar.

Volve o 1 de maio cos mártires de Chicago ao fondo; morre o 1 de maio coma ponte!