A clase traballadora e o pobo grego enfróntanse a unha realidade límite, que afecta tamén ó resto dos pobos, especialmente á periferia europea, Estado español, Portugal e Italia. O caso español vén dado co caso dunhas eleccións nun horizonte próximo. Só os moi inxenuos poden crer que a situación económica ten mellorado, só os ilusos poden pensar que as reformas e recortes xa remataron. Nós sabemos que a dulcificación nas medidas (“Lei mordaza” a parte) unicamente responden a unha estratexia electoral.
A contradición principal hoxe sitúase e vén determinada pola pertenza á UE e ó euro. A única diferenza estriba en que a ofensiva do capital é moito máis avanzada en Grecia que no resto dos países, pero as variables son as mesmas. Por iso non nos debe estrañar a insistencia dos partidos do Réxime, á hora de afirmar de forma teimuda que “Grecia non é España”.
Desde a CUT non seremos xuíces á hora de valorar as estratexias do goberno de Syriza. O proceso é complexo e é ben certo que a resolución nun ou noutro sentido non pode ser analizado desde unha posición simplista. Pero dito isto temos que ser necesariamente escépticos ó respecto da posición de Syriza cando traspasa as liñas vermellas do seu programa electoral, cando é obvio que a raíz do problema é a ilexitimidade da débeda, ademais de ser absolutamente impagable.
A débeda en termos capitalistas é o instrumento máis eficaz do imperialismo para frear e manter sometidos ós países. Agora tocoulle á Europa pero antes, hai décadas, foi o instrumento de neocolonización de multitude de estados de Africa, Asia e América Latina. E se non funcionase esta maquinaria de dominación, o imperialismo utilizará o golpe de estado ou mesmo o recurso directo da guerra.
Volvemos reiterar que o proceso grego é tremendamente pedagóxico. Os voitres da Troika son insaciables. A pesar das concesións do goberno de Tsipras, a presión sobre Grecia é implacable. En realidade a Troika sabe que a débeda é imposible de asumir, pero neste contencioso necesita fundir politicamente ó goberno progresista, porque con independencia das contradicións que lle queiramos atopar, é a expresión histórica dun proceso subversivo fronte ós ditados do capitalismo.
O 5 de xullo o pobo grego está chamado a votar en referendo sobre o paquete que volve a impor a Troika. Todo parece indicar que a inmensa maioría da poboación apostará por un contundente NON. De ser así é evidente que a saída do euro sería inminente. A xestión política dese novo escenario non só vai traer consecuencias políticas e económicas para o pobo grego. Como se dicía ó comezo, a repercusión vaise facer notar inmediatamente en toda Zona Euro.
Os xestores do capital, desde hai tempo e sabedores dos perigos da chamada crise capitalista, afortaloron os mecanismos propios da guerra social e os exemplos están aí: o fascismo e a lexislación antiterrorista para reprimir a resistencia social e política. A teoría do shock cobra vixencia, aí están os atentados realizados en distintos países, perpetrados por grupos creados e financiados polo imperialismo europeo e americano. Unha vez establecida a coartada ou pretexto, detrás veñen as leis represivas “en aras da seguridade” que, en realidade, veñen aniquilar as máis elementais liberdades públicas e dereitos civís.
É urxente sacar conclusións do proceso grego á vez que reforzarmos a nosa solidariedade internacionalista. Na opinión da CUT, e témolo dito desde esta web, é importante non perder de vista as claves estratéxicas da loita de clases e en definitiva do que esta por vir. A confronta de clase vaise incrementar de maneira brutal e só desde a unidade obreira e popular poderemos enfrontar o que se aveciña. É o momento de reafirmármonos nesta necesidade.
Xa non son posibles as respostas ás agresións do capital, desde a fragmentación de clase e popular. Non é posible, nin viable a loita sindical sectorial dándolle as costas á perspectiva socio-política de unidade. Desde a CUT levamos desde o inicio da chamada crise capitalista pulando por xuntar os lumes de loita como expresión dunha necesidade histórica: ou eles ou nós.
Desde a nosa organización imos apostar por robustecer a mobilización obreira e popular dos galegos e galegas baixo os acordos das Marchas da Dignidade para o vindeiro mes de outubro. Temos que dar unha resposta masiva e eficaz para demostrar unha vez máis onde se sitúan as coordenadas de mobilización antisistémica, e isto a pesar dos agoireiros que desde as torres de marfil da inoperancia sectaria, ou ben desde desde a partitura subalterna do Réxime, desexarían o fin das Marchas da Dignidade no canto de favorecer a confluencia.