Colectivos de diversos sectores que traballan nos servizos públicos para a administración da Xunta uníronse esta mañá en Compostela contra dos excesos da administración explotadora e privatizadora. A marcha xuntou a persoal da sanidade, da loita contra incendios, das bibliotecas públicas, dos servizos postais, da atención xeriátrica, da educación ou dos medios públicos de comunicación que estiveron acompañados de colectivos cidadáns, como a Coordinadora Antiprivatización da Sanidade Pública ou a Plataforma Galega de afectados pola hepatite C. Máis de mil persoas xuntáronse nun gran acto apoiado pola CUT prol dun emprego digno que lle garanta á cidadanía a prestación duns servizos públicos, universais e de calidade.