As asembleas xerais impulsan unha resposta unitaria fronte ás agresións de Clece SA coa convocatoria de varias xornadas de folga nos meses de febreiro e marzo coas correspondentes mobilizacións.
As asembleas xerais de traballadores e traballadoras da limpeza hospitalaria de Compostela deron o mandato de rexistrar esta semana catro xornadas de folga nos meses de febreiro e marzo. Esta folga convócase contra a pretensión da empresa contratista CLECE SA, amparada polo SERGAS, de reducir en máis dun 30% salarios e condicións sociais e aumentar máis dun 20% as xornadas de traballo. As centrais sindicais denuncian que se quere “dinamitar unha conquista histórica do sector: a equiparación en dereitos e responsabilidades do persoal de limpeza co persoal ao servizo da administración da súa mesma categoría”.A denuncia por parte da empresa do actual Convenio que pretende unha negociación á baixa de condicións económicas e sociais vén sen dúbida amparada por unha administración que desexa implementar un principio de discriminación superado xa historicamente con amplas folgas e loitas no sector. A intención é, para as centrais sindicais e os Comités, utilizar a limpeza hospitalaria compostelá como unha proba de laboratorio dunha redución millonaria no conxunto dos hospitais de Galicia.Esta decisión empresarial topou coa oposición frontal dos Comités de Empresa compostos por CIG, CUT, UGT e CCOO e do conxunto de traballadoras e traballadores do cadro de persoal que en palabras de Jorge Enríquez, delegado de persoal da CUT afirma “non tolerar esta medida, que supón unha total involución e unha devolución a trinta anos atrás, cando houbo que desenvolver unha loita en profundidade pola igualdade material, por unhas condicións dignas de traballo e polo respecto ao sector”,Para a Central Unitaria de Traballadores/as, “CLECE SA e o SERGAS agreden a un cadro de persoal que non cae en provocacións pero que respondeu de maneira unitaria e firme en defensa dos seus dereitos dende que temos memoria sindical” e recorda que “a CUT xa presentou unha denuncia penal pola desaparición de máis de medio millón de euros públicos relacionados coa contrata a principios deste mes, que aínda está por solventar”, ao tempo que “están a xogar cos traballadores e traballadoras como arietes das empresas privadas, para incrementar o lucro custe o que custe, sen transparencia algunha”.“A convocatoria de folga que se desenvolverá a final deste mes chega cunhas traballadoras e traballadores do servizo cansos de que se aposten nos casinos os seus dereitos, e que están en plena disposición de defender até o último dos seus dereitos” porque “se recortar é unha moda para as empresas, aínda quedan traballadoras e traballadores que están dispostos a loitar contra as medidas discriminatorias e inxustificadas que administración e empresa privada pretenden. Nunca tanta unidade e firmeza se ten apreciado entre os catro sindicatos e os dous Comités”, aseguraba Jorge Enríquez.