A limpeza da USC acorda loitar tamén contra a xestión deste servizo por empresas privadas

633

Hai uns días eran as traballadoras da limpeza do CHUS, o hospital público de Compostela, as que se concentraban fronte a Xunta de Galicia para esixir o rescate deste servizo esencial, que leva anos subcontratándose a empresas de amiguetes dos poderosos que fan o agosto a costa dos recortes das condicións laborais e salariais das compañeiras que poñen o corpo para manter as instalacións de todos e todas impecables.

Agora, é o persoal da USC, a Universidade de Santiago de Compostela, o que di que xa abonda. As mulleres e homes que traballan neste servizo decidiron en asemblea, por votación, iniciar as mobilizacións que sexan oportunas para demandar que a xestión da limpeza volva ás mans da USC, esixindo que se remate cunha externalización ou entrega do servizo a empresas privadas que vulneran constantemente os dereitos laborais e non resultan máis baratas para a administración.

As traballadoras reaxen así á proposta da Universidade de sacar novamente a concurso a contrata. Desta volta pretenden facelo en dous lotes (Campus Sur e Norte), cando ata o de agora era a empresa CLECE a que tiña a adxudicación da contrata nun lote único.

Non repetiremos que estas subcontratas, este tipo de xestión privada do público, prexudica enormemente ás traballadoras e só serve para engordar os petos de certos empresarios e políticos. Na asemblea na que decidiron as mobilizacións, unha traballadora lembrou que non é doado pelexar sequera polo que é xusto, para a continuación engadir que os dereitos que temos gañáronse despois de loitalos, cando algúns dicían que eran imposibles de conseguir.

O comité de empresa coordinará nos vindeiros días un calendario de mobilizacións que compartiremos para darlles a estas compañeiras o apoio solidario que corresponde.

Porque as batallas que se perden son as que non se dan.

A loita é o único camiño!