Traballadoras da empresa concesionaria da limpeza de Correos, en folga dende o pasado mes de setembro e con 5 meses de salarios adebedados, denuncian a falta de acción e contundencia da Inspección de Traballo, tras varias denuncias presentadas polo estado de sucidade das oficinas postais e a esquirolaxe efectuada por algunhas traballadoras de Correos desenvolvendo elas mesmas as labores de limpeza.
A inspección constata que algunhas traballadoras das oficinas efectúan elas mesmas a limpeza por mor da folga en vigor pero resolve cunha mera advertencia a Correos para que cese esta situación. Igualmente, recolle nas resolucións o estado de sucidade e acumulación de lixo nas oficinas, sen que actúe con contundencia con medidas como o peche destas ata que se garanta a salubridade.
Este desleixo por parte da Inspección incide na situación de desprotección das limpadoras, que seguen nun limbo tras 5 meses sen cobrar os seus salarios por parte da subcontrata, e á espera de que poida entrar unha nova empresa concesionaria nun procedemento de contratación sen publicidade e sen saber se Correos ou a nova concesionaria van asumir os meses de impago acumulados.
As traballadoras seguen en folga mobilizándose con accións como a manifestación que este xoves terá lugar na Coruña, partindo da oficina principal de Correos ás 11 h.
Como CUT témolo claro: A solución, a internalización! Rescate do servizo xa!