A LEI DE FAMILIA TAMÉN É VIOLENCIA, NON AO TERRORISMO PATRIARCAL!

86

Achégase o 25 de novembro, data sinalada como o Día Internacional Contra a Violencia Machista, e nós, mulleres e homes da CUT comprometidos coa igualdade e a xustiza social, volvemos a asistir ó mesmo ritual ano tras ano.

Unha profusión de comunicados, manifestos e campañas, emitidos desde os sectores do feminismo liberal e pactista ata os organismos públicos e figuras políticas responsábeis polas reformas e recortes sociais mais agresivos dos últimos anos, afánanse en condenar a violencia contra as mulleres, en publicitar unha serie de medidas paliativas de corte xurídico-policial e a convocar a poboación a participar dos actos organizados para ese día de recordo ás vítimas.

Son menos as declaracións que recordan as nefastas consecuencias que as medidas de axuste da engrenaxe capitalista están a ter para as mulleres. Lévanse a cabo reformas laborais e do sistema de cotizacións que agravan unhas condicións de traballo xa precarias no caso das mulleres, debido á flexibilidade e temporalidade nas contratacións, aos peores salarios ou ás trabas na ocupación de postos de maior cualificación e mellor remuneración e tamén no desenvolvemento da carreira profesional. Estas medidas de axuste atentan contra a autonomía e a independencia das mulleres ao dificultar o cobro de pensións dignas e deixan entrever un incremento das dobres xornadas de traballo debido ao recorte de prestacións e á privatización encuberta ou xa deflagrada de servizos públicos como a educación, saúde, servizos sociais e de atención a persoas con dependencia. Ditas medidas vaticinan tempos dunha aínda maior sobrexplotación coas tarefas de coidado e manutención do fogar, historicamente impostas por un sistema patriarcal, que se asenta en relacións de desigualdade na asignación de papeis entre homes e mulleres.

En Galiza, esa violencia económica e social contra as mulleres exercida polos grandes poderes encarnados nos diferentes gobernos, na patronal e nas organizacións sindicais subservintes aos seus intereses, na banca e nas institucións financeiras internacionais, asestou unha coitelada máis nos nosos dereitos coa aprobación da Lei de Apoio á Familia e á Convivencia.

Como vimos denunciando, xunto aos diferentes colectivos feministas do país, esta lei representa un claro ataque dos sectores máis reaccionarios da sociedade que pretenden, en orde ás necesidades do proceso de reorganización socioprodutiva capitalista, volver a situar ás mulleres na esfera domestica, empregando un arsenal ideolóxico rancio e falaz asentado en ideas como “os valores tradicionais da familia” e a “voluntaria corresponsabilidade nas tarefas e obrigas familiares” para seguir perpetuando unha situación de subordinación e desigualdade; situación que se configura como o caldo de cultivo para a violencia machista que provocou o asasinato de 54 mulleres en todo o estado, no que vai de ano.

A realidade que o discurso retrógrado da referida normativa quere ocultar é a función socioeconómica da familia patriarcal e heteronormativa como motor do sistema capitalista sustentado na división sexual e no traballo gratis que as mulleres seguimos realizando no interior dos fogares, sexa de forma directa ou a través da “contratación” de servizos doutras mulleres en situación de maior vulnerabilidade, a miúdo migrantes, pobres e sen papeis.

E para perpetuar o sometemento das mulleres aos caprichos dos mercados é preciso instaurar o control da nosa sexualidade e reprodución. Nesa materia tampouco a Lei de Familia escatima esforzos á hora de despregar medidas que anulan o noso dereito a decidir sobre o noso corpo e a maternidade. Recordemos que os impedimentos á interrupción voluntaria do embarazo constitúen unha forma máis na que a violencia estrutural se manifesta, causando a morte de milleiros de mulleres en todo o mundo.

Ante esa realidade de terrorismo patriarcal sistemático e multifacetado, as mulleres da CUT queremos manifestar a nosa indignación pola hipocrisía dos gobernos e dos diferentes grupos de poder que se pronuncian en datas sinaladas como o 25 de novembro mentres propoñen, executan ou son coniventes coa violencia económica, social e cultural. Amosamos a nosa protesta pola ocultación das agresións do capitalismo-patriarcal que sufrimos todos os días.

Con ese espírito de rebeldía e critica tamén queremos proclamar a urxencia de que a loita contra todo tipo de violencia, incluída aquela que se manifesta de forma máis sutil, sexa levada con compromiso e seriedade para a nosa tarefa sindical.

Sabemos que os chamados micromachismos están presentes mesmo nas organizacións de carácter máis transformador e combativo, xa que a elas chegamos cunha bagaxe de socialización previa, portando ideas, valores e relacións de poder que interiorizamos ao longo da nosa vida e que operan moitas veces de forma implícita, non consciente.

Identificar, analizar, discutir e afrontar calquera forma de violencia é unha tarefa que acomete a toda a afiliación da CUT. E nesa loita contra o machismo e o patriarcado estaremos vixilantes e dispostas a seguir avanzando na construción dunha sociedade sen explotación e desigualdade de ningunha índole.

Porque a loita obreira ou é feminista ou non é!