“La condición obrera”, Simone Weil

211

A honestidade de Simone Weil enche de contido político todas as palabras que forman o seu libro, A condición obreira. A filósofa francesa deixa o seu traballo de profesora nun instituto para ser empregada nunha fábrica durante os anos trinta e coñecer nas propias carnes que significa ser unha obreira. Non pretende estar ao carón das oprimidas nen intenta estar preto do único suxeito revolucionario senón que tan só quere aprender. Que é ser unha obreira? De onde radica o seu poder? É consciente unha obreira  da súa importancia?

La condición obrera

Simone Weil

Ed. El cuenco de plata, 2010

Tras duras xornadas laborais, e coa experiencia marcada na pel, Weil vai analizando polo miúdo o traballo que leva a cabo. Mira cara as súas compañeiras e cara si mesma para notarse vella, verse cansa, sentirse humillada e menos capaz. Ponlle palabras á forma na que o sistema taylorista, ese aumento da produtividade a consta de roubar o control á obreira, vai esnaquizando a súa mente e o seu corpo.

A condición obreira non é só un testemuño sobre o traballo senón sobre a loita e organización. As palabras que Simone Weil comparte a través de cartas con outras e outros sindicalistas franceses deixan críticas ás estratexias de loita, ás formas de organización sindical e deixa propostas baseadas na súa propia experiencia.

Simone Weil preocúpase polo máis invisible, a dignidade das persoas. Non soporta ver a deshumanización que acarrea o emprego nas fábricas e reflexiona sobre a formación das traballadoras, o control sobre as súas propias vidas, o paso do tempo, o amor, o consumo, as relacións humanas. Négase a que as obreiras pasen de ser oprimidas pola patronal a estar sometidas polo Estado sen ter sequera a ocasión de ser donas de si mesmas.

O libro está cheo de ideas nas que meditar a día de hoxe, das que sacar enerxías para continuar o noso camiño e a ilusión de loitar pola integridade de todas nós, as obreiras.

* Admirada por Simone de Beauvoir e amiga de Albert Camus, Simone Weil iría a España en 1936 ara formar parte da Columna Durruti e loitar contra o golpe militar fascista.