Opinión.- Brais González Pérez. Responsable Asesoría Xurídica da CUT.
A expresión da loita de clases nas primeiras horas da crise sanitaria do Coronavirus foi a dunha batalla pola saúde e pola vida. A patronal galega, e os patronciños de cartón que a organización corrupta Partido Popular puxo á fronte dos nosos servizos públicos, abandonaron á súa sorte a milleiros de traballadoras e traballadores. Nese primeiro tempo da alerta sanitaria as únicas comparecencias do empresariado foron para amosar os dentes e opoñerse ás medidas preventivas que, por moi necesarias que fosen, atrasarían o ritmo de xeneración do seu lucro.
A militarización e o discurso do shock e o medo sobre a pandemia ten a clara función social de disciplinar a vida das obreiras e dos obreiros
Esa batalla gañouse, non sen riscos. Foron as propias traballadoras, desasistidas, sen recursos propios, arriscando o seu posto de traballo e con altas doses de coraxe e capacidade crítica as que tomaron da súa man a situación para acabar provocando un tras doutro o peche de empresas e a paralización da actividade produtiva. Nas poucas ocasións que os Comités de Empresa compareceron e asumiron como propios estes conflitos estiveron liderados por pequenos sindicatos combativos, entre eles a CUT, que investiron o seu patrimonio humano e sindical na loita pola información, a seguridade e a saúde no traballo.
Pola contra os grandes sindicatos CCOO e UGT permaneceron inactivos. Só máis tarde descubririamos que malia a crítica situación dos centros de traballo estaban a negociar unha posición conxunta coa patronal para esixirlle ao Goberno maiores facilidades na tramitación dos ERTEs. Mentres neste primeiro tempo da alerta sanitaria se daba empresa a empresa a batalla Capitalismo versus Vida e a clase traballadora sostiña a bandeira da vida, a prioridade do sindicalismo vendeobreiro era contribuír ás necesidades propias do empresariado: que a grande empresa non pagase os custes económicos desta crise. Neses mesmos días, e por motivos que aínda descoñecemos, tamén desapareceu a CIG.
Agora, neste segundo tempo no que o #quedanacasa (a quen, obviamente lle sexa posíbel) quizais sexa a maior expresión de solidariedade obreira, o noso Estado parece estar a vivir o seu soño totalitario. Polo masivo recorte de liberdades que as forzas de seguridade levan ao extremo neste seu novo Beirut, como pola total militarización do espazo público nunha desproporcionada mostra de poder armado. Unha aparición fantástica nada fortuíta, tendo en conta que xunto ao discurso do shock e do medo sobre a pandemia ten a clara función política de disciplinar a vida privada e social das obreiras e dos obreiros. De maneira certeira, o da loita contra pandemia desprazou como discurso de control social ao da loita contra terrorismo
Esa batalla gañouse, mais non sen riscos. Foron as propias traballadoras, desasistidas, sen recursos propios, arriscando o seu posto de traballo e con altas doses de coraxe e capacidade crítica as que tomaron da súa man a situación para acabar provocando un tras doutro o peche de empresas e a paralización da actividade produtiva.
Curiosamente, esta firmeza rabiosa que o Estado demostra coas obreiras, tórnase mansa obediencia co grande empresariado. Non vimos ningunha caste de paralización manu militari da actividade de Finsa, Citroën, Bosch ou Unísono. A patronal que expuxo masivamente ás traballadoras á pandemia entretanto non esgotaba as provisións e a materia prima segue impune. Non existiu ningunha réplica desa brutalidade policial que se vive nas rúas contra as títeres do PP que nos servizos públicos seguen a evadir a entrega dos equipos de seguridade esenciais para a evitación de contaxios.
Neste segundo tempo, o noso exército, o das obreiras (que Zé Mário Branco calificaba como “exército de amor e capacetes”), está onde ten que estar. O pobo salvando ao pobo. Pagando os excesos do Grande Capital. Enfróntanse á pandemia nas condicións máis adversas. As nosas sanitarias pagando a peaxe dos recursos recortados pola patronal da sanidade privada que agora non comparece. Asumindo non sen rabia que por culpa dunha sociedade gobernada polo interese do Capital esta crise acabará con máis “mortos dos que tiñan que morrer”, nuns servizos sanitarios que colapsarán antes do desexábel porque a brigada de demolición do público leva anos actuando impunemente.
Tamén están aí as que desinfectan, as que garanten o noso alimento, as que gardan das nosas comunicacións, as que atenderán malia o perigo ás nosas e nosos. As empregadas do fogar, as xornalistas, os traballadores dos combustíbeis e da enerxía. As do mar, os da terra. Elas e eles servirán, poñendo en risco a súa saúde e a dos seus e súas porque é “o que toca”. O Grande Capital, pola súa vez, está a ocuparse unha vez máis de organizar negociacións vantaxosas co “noso” Goberno para que nin un só peso desta crise saia do seu peto. E o Goberno, núo de cores e de consignas, está a cumprir o mandado dos auténticos xerentes da nosa sociedade.
Sendo obvia a existencia dunha guerra de clases, e ficando claro que só as obreiras nos ocupamos na batalla pola vida, hai unha partida que temos que gañar e na que desta volta temos que presentar resistencia: a do discurso.
Na Galiza, como páis que malamente enterrou o cadáver dunha industria textil que durante décadas parasitou o Imperio Amancio Ortega, grande parte da batalla do discurso está a desenvolverse ao redor das accións de Inditex. E a resposta social á falsa filantropía do Grande Capital de rostro humano e (neste caso) galego (?) é boa proba da nosa capacidade de explicar, convencer ou informar.
Nesta guerra de clases, na que só as obreiras nos ocupamos da batalla pola vida, hai unha partida que temos que gañar e na que desta volta temos que presentar resistencia: a do discurso.
Este contexto no que o ritmo do Capitalismo frenético colapsou en parte ha servir para conseguirmos espertar a capacidade crítica, o pensamento e a reflexión obreira. E para que, tomando de man o simbólico exemplo, consigamos que cada vez sexan menos as traballadoras e traballadores que ocupan o tempo en eloxiar de maneira acrítica as achegas pseudofilantrópicas de Sir Amancio no canto de preguntarse pola razón, a orixe e os mortos que a Grande Riqueza agocha no armario. Porque veñen tempos de alerta e, coma sempre, ou gañan eles ou gañamos todas.
Atribúeselle a Engels aquilo de:
“Primeiro zugades a sangue dos proletarios e logo practicades con eles autocompracente filantropía, presentándovos ante o mundo como benefactores da humanidade cando lles dades ás vítimas unha centésima parte do que lles pertence”.
Se desta non aprendemos a calcular o que nos pertence haberá quen calcule por nós. E na súa ecuación a nosa vida e a nosa saúde non importan.