Isabel Benítez: “A loita feminista debe ser contundente co que nos sucede no mercado de traballo”

258

Isabel Benítez

Forma parte da Secretaría de Lluita feminista da COS, do consello de redacción do xornal La Directa  e é coautora dun libro sobre a folga de Panrico, a máis longa do Estado español.

Con quince anos, Isabel Benítez pegaba carteis contra a reforma laboral de 1995 e participaba nas accións de boicot contra as ETT. “En todo isto tivo que ver a experiencia persoal da miña nai, que emigrou para traballar nunha fábrica en Madrid e tivo que pelexar con unllas e dentes para poder estudar e traballar”, sostén. Isabel formalizou a súa afiliación a un sindicato sendo becaria de colaboración na Universitat Autónoma de Barcelona, no transcurso da loita pola laboralización dos seus postos. “Cheguei á Coordinadora Obrera Sindical (COS) máis tarde, pola súa coherencia democrática, unha moral de clase férrea e porque os sectores ‘atípicos’ eran o centro da súa implantación e axitación”.

Como muller, traballadora e sindicalista, cal foi o mellor e peor momento que viviches?

Como muller, e no que a militancia sindical se refire, tratouseme de malencarada ou criminalizouse a miña forma de falar, de discutir con vehemencia ou negociar duro por non consideralo cousas propias de mulleres. Cando non, directamente, din coa infantilización e ridiculalización para neutralizar a miña intervención.

O mellor momento sería a folga de persoal bolseiro de colaboración que tivo un éxito de seguimento e producíu conquistas parciais. Isto enlazaría coas mobilizacións contra o Plan Bolonia e a reforma universitaria. Os peores, tamén nas mobilizacións contra Bolonia. Por exemplo, cando pedimos apoio a CCOO e UGT como integrantes do Comité de Folga -de traballadores e estudantes- para convocar unha folga xeral universitaria. Comisións non só non nos apoiou senón que ameazou con facer contracampaña e boicotearnos.

Como definirías o patriarcado e que implicacións ten no campo laboral?

O patriarcado no capitalismo é o conxunto de mecanismos materiais, políticos, ideolóxicos, emocionais… que empurran á metade da poboación a ser servas dos desexos sexuais, necesidades reprodutivas e de coidados que permiten perpetuar o actual estado das cousas. A opresión patriarcal atópase perfectamente integrada na dinámica da explotación da clase traballadora.

No campo laboral significa traballar como mulas e ter que dar as grazas por elo. As mulleres de clase obreira sempre tivemos que traballar na casa  e a iso se engade emprego en negro, a tempo parcial e nas peores condicións, sempre subordinadas ao cumprimento do mandado da feminidade. Este mandanto, en canto á docilidade, significa calar, agradar, criar e coidar. Isto tradúcese en dependencia, pobreza económica, escasez de tempo e unha vida de enfermidades crónicas. Tamén implica que teñamos menos capacidade para enfrontarnos ao abuso de forma organizada e que sexamos carne de cañón para o peor do mercado laboral. A maiores, atópanse os riscos laborais específicos ligadas a ser tratadas como obxetos sexuais, altruístas, amables e complacentes por decreto. É imprescindible que a loita feminista aborde con contundencia o que nos sucede no mercado de traballo, pois nela está a chave da nosa autonomía persoal nunha economía capitalista.

O patriarcado no capitalismo é o conxunto de mecanismos materiais, políticos, ideolóxicos, emocionais… que empurran á metade da poboación a ser servas dos desexos sexuais, necesidades reprodutivas e de coidados que permiten perpetuar o actual estado das cousas.

Que papel xoga o feminismo de clase na loita sindical?

A inserción da perspectiva feminista -e a antirracista e internacionalista- é imprescindible para loitar como clase contra a explotación, sen permitir que as fendas do capitalismo patriarcal e racista nos enfronten entre nós. A nosa acción sindical debe entender que a experiencia cotiá de clase é heteroxénea. Do contrario, vainos debilitar e empurrar cara  políticas proteccionistas duns segmentos fronte outros facéndolle o traballo suxo ao capital. Como din, cando unha muller avanza, ningún home retrocede.

Como nos repercute a todas as traballadoras a loita feminista?

A loita feminista de clase fala da nosa experiencia particular. Fainos tomar conciencia dos nosos problemas específicos que a miúdo temos tan naturalizados que nin os verbalizamos e incluso nos queren convencer da súa orixe biolóxica. Existe un sesgo de xénero no recoñecemento de enfermidades profesionais que teñen máis incidencia entre as mulleres, como ilustra a loita das camareiras de hotel (Las Kellys) e a plataforma de afectadas polas altas médicas inxustificadas dos tribunais médicos (Paicam). Temos máis facilidade para ser tratadas con antidepresivos e a que se relativicen os nosos síntomas. Canto máis aumenta a  concentración da riqueza, máis sobe o paro e o Estado prioriza o pago da débeda dos bancos no lugar de, por exemplo, establecer garderías públicas. O sistema aprétanos máis para que as mulleres volvamos a casa pero con alegría, a facer magdalenas de cores. Por non falar da presión de modelos de crianzas intensivos que, non os xulgo, pero non están ao alcance de todas e tamén nos divide entre boas e malas nais.

Na batalla política entre o feminismo de clase e o interclasista, que importancia teñen as mulleres organizadas en sindicatos de clase?

Se as traballadoras non lideramos isto, a axenda feminista interclasista ignorará os nosos problemas ou os reducirá a un formalismo cando se trata de asuntos críticos como o despedimento ou a non renovación por estar embarazada. Por suposto, tampouco se aborda a raíz do problema, a división sexual do traballo. A igualdade de oportunidades e a liberdade individual, tamén para explotar a outras mulleres e homes, é o teito de cristal do feminismo interclasista.

Denunciar a estrutura capitalista e patriarcal lévanos a denunciar a feminización da pobreza, o acoso policial, a división sexual do traballo, a hipocresía de quen, levantando a bandeira da liberdade individual, só está defendendo o privilexio de quen quere comprar calquer cousa.

Por exemplo, se na loita contra a reforma da lei do aborto non tiveramos partido dunha hexemonía de feminismo de clase cuaxada na transición, non teríamos garantida a cobertura deste dereito fundamental na sanidade pública. Ao feminismo interclasista preocúpalle a presión estética, por exemplo, pero non fala do risco de trastornos alimentarios entre as traballadoras das tendas de roupa nin como se está colonizando o corpo das traballadoras para converterse en extensións da imaxe da marca.

Se as mulleres tiveramos máis peso no sindicalismo, teríamos promovido folgas xerais para esixir solucións reais á crise de coidados? Teríamos consentido a hiperexplotación das empregadas do fogar? Temos que ter en conta que moitas destas feministas da igualdade de oportunidades desenvolveron e desenvolven as súas carreiras políticas e profesionais grazas a esa explotación de mulleres obreiras.  É unha reflexión que esixe crítica e autocrítica por parte dos sindicatos.

Ao feminismo liberal interésalle máis a liberdade das que poden escoller e a liberdade dos homes para comprar sexo que a presión que sufrimos as mulleres de clase traballadoras para entrar nestes mercados por necesidade e non por vocación. Isto significa criminalizar ou estigmatizar ás mulleres co fan? Nin moito menos. Denunciar a estrutura capitalista e patriarcal lévanos a denunciar a feminización da pobreza, o acoso policial, a división sexual do traballo, a hipocresía de quen, levantando a bandeira da liberdade individual, só está defendendo o privilexio de quen quere comprar calquer cousa.

A historia do movemento obreiro internacional é precisamente a de reivindicarnos como seres humanos, desmercantilizarnos, poñer límites ao poder dos cartos sobre as nosas vidas. Estas son batallas que o feminismo obreiro debe abordar con valentía, sen ceder un palmo de terreo.

Non é extraño atopar nas nosas filas a auténticas guerreiras e ver que a súa cuota de poder na loita sindical no seu centro de traballo non repercute na estrutura sindical, ás veces nen sequera a nivel comarcal. Que ferramentas, que armas, precisamos para conseguir que o feminismo non sexa a eterna tarefa pendente incluso dentro das nosas organizacións?

É imprescindible que haxa espazos de confianza onde as mulleres do sindicato poidamos elaborar e verbalizar os nosos malestares específicos para despois transmitirllos ao conxunto da organización e reclamar o lugar que nos toca. Iso ás veces require de espazos non mixtos, o que non significa rachar coa unidade de acción nin organizativa senón que é de ser intelixentes e non pretender que a experiencia masculina do mercado de traballo sexa universal. Na COS comezamos a facer encontros nacionais de afiliadas precisamente con este obxetivo.

Por outra parte, é imprescindible a toma de conciencia e a formación específica dos compañeiros para que sepan de que estamos falando, isto é un esforzo organizativo e tamén unha vontade política. Forzar a paridade, habilitando mecanismos para que sexa real -garderías, establecer pautas horarias, repartir de outro xeito as horas sindicais…- e integrar na militancia os deberes que a vida social impón. O que está claro é que se non facemos nada para provocar cambios, nas nosas organizacións vaise reproducir o machismo e o ninguneo da sociedade na que vivimos.

É imprescindible que haxa espazos de confianza onde as mulleres do sindicato poidamos elaborar e verbalizar os nosos malestares específicos para despois transmitirllos ao conxunto da organización e reclamar o lugar que nos toca.

Debemos loitar para expropiar os privilexios que teñen os compañeiros a conta da liberdade das mulleres. Que papel temos cada quen nesta loita?

Os dereitos conquístanse, non se conceden. Se unha organización sindical moi masculinizada non percibe isto como un problema grave, está condenada ao fracaso. Autocrítica, humildade e compañeirismo pero do concreto, non do abstracto ou literario. Por exemplo, ser inflexibles ante situacións de violencia machista protagonizadas por compañeiros de militante. Nas nosas filas non caben corruptos, fascistas nen agresores. É vital que o sindicato sexa un espazo de confianza para compañeiros e compañeiras, polo menos no noso modelo, debemos ser un exemplo positivo de solidariedade feminista e de clase.

Os dereitos conquístanse, non se conceden. Se unha organización sindical moi masculinizada non percibe isto como un problema grave, está condenada ao fracaso.

A nós tócanos tomar conciencia, gañar confianza e falar en plata, expresar os nosos problemas específicos e organizarnos para combatilo. A eles tócalles facilitarnos a tarefa e aprender tamén de nós. Non é que nos dean permiso para militar, é que terán a honra e o privilexio de contar coa nosa forza.

Este 8 de marzo estivo marcado por un paro internacional de mulleres. É preciso que as mulleres organizadas en sindicatos de clase traballen alianzas con outras centrais sindicais con obxetivos comúns?

Si, na clave da unidade pero na combatividade. No contexto de retroceso de dereitos xeralizado para a clase de traballadora para rescatar o sector financeiro, non se entende que non se tivera convocado ou insinuado unha folga xeral que poña o acento na carestía da vida, o roubo anunciado das pensións e a sanidade pública ou a violencia estrutural que está redisciplinado ás mulleres, xa non só os asasinatos machistas senón todos os mecanismos cotiás.

Cando a clase obreira retrocede, a situación das mulleres empeora e viceversa. Fronte isto, claro que fai falta unidade de acción e é grave que sexa o movemento feminista quen teña que recordarlle ao movemento obreiro a forza que ten para parar a vida social convocando un paro internacional de mulleres! É grave que o movemento obreiro perdera o seu carácter internacionalista! É gravísimo que o sindicalismo maioritario negocie as migallas en lugar ser der un motor de transformación social.

Desde a súa militancia e experiencia, Isabel Benítez recomenda diversos materiais no camiño da toma de conciencia como mulleres dentro da loita sindical. Apunta ‘Norma Rae’ e ‘Novecento’ como clásicos imprescindibles como punto de partida para a apertura de debates. Para ver as diferenzas de enfoque respecto ao mundo do traballo dá dous títulos, ‘La sal de la tierra’ e un documental, ‘Portman, a la sombra de Roberto’, sobre a loita contra a explotación dunha mina en Murcia.

No que atinxe, de forma espefícia ás mulleres, apunta ‘A outra historia dos Estados Unidos’ de Howard Zinn onde se recollen grandes momentos das obreiras norteamericanas, ‘Mulleres periféricas’, sobre as traballadoras da Tabacalera de Sevilla. Os escritos de Rosa Luxemburgo, Clara Zetkin, Assata Shakur, Angela Davis… ‘O Calibán e a bruxa’ de Silvia Federici, ‘A muller, o Estado e a revolución’, de Wendy Z. Goldman, os manifestos das militantes de Rote Zora ou, máis recente, ‘Aguantando o tipo’, un libro que explica a loita das traballadoras dunha fábrica de Sabadell pola igualdade salarial  a finais de 1980.

“A historia das mulleres está invisibilizada, convertida en notas ao pé da páxina”, sostén, mais sempre depende de nós as traballadoras a forma de facer e escribir a historia.