
Posición sindical de clase fronte á guerra imperialista
A tradición do movemento obreiro, e polo tanto a do sindicalismo clasista diante da Guerra, foi sempre a aposta pola paz. A CUT é e será sempre coherente con este principio. Pero ser pacifista por principio non significa poñermos unha venda nos ollos para non analizar a natureza do feito da guerra ao construír unha equidistancia que acaba favorecendo ao agresor.
A guerra é tamén unha expresión da loita de clases nun momento histórico determinado. Clausewitz acuñou o concepto da guerra como a continuación da política por outros medios. Efectivamente sempre foi así, foi o recurso das oligarquías para resolver contradicións e garantir os seus intereses económicos conxunturais sexan do tipo que sexan.
Pero esta posición pacifista, ou o criterio racional da resolución dos conflitos por medio do diálogo, non pode supór negarlle o dereito lexítimo á defensa dun país agredido. Isto tamén nos leva a distinguir a guerra revolucionaria do pobo do que serían, e foron historicamente, as intervencións imperialistas como as que hoxe protagonizan a OTAN na Ucraína contra a Federación Rusa ou a Coalición Epstein (EUA e ente sionista) na Asia occidental.
Carácter criminal da agresión imperialista
No caso da actual guerra provocada pola coalición Epstein contra Irán ten varias motivacións. Sinalaríamos tres: a primeira sería a necesidade do imperialismo ianqui de acceder ao petróleo iraniano. Unha segunda, seguramente a principal, sería frear o empuxe imparable da economía chinesa; e finalmente, a obsesión anglo-sionista de acabar co Irán, a maior referencia anti-imperialista e anti-sionista rexional, “resolvendo” así o contencioso de Palestina.
Sería un erro grave tratar de explicar o que ocorre coa Guerra do Golfo Pérsico xustificando esta pola personalidade aloucada do presidente Trump. A intervención de EUA e o réxime sionista en Irán e antes o bombardeo de Venezuela e secuestro do Presidente Nicolás Maduro veñen instaurar toda unha metodoloxía medieval da lei do máis forte e son a continuación da partitura establecida antes polos Presidentes Biden e Obama. A causa principal desta nova onda imperialista vén dada porque os Estados Unidos saben que a orde mundial mudou e xa non son nin serán o imperio dominante. Hai dous novos axentes, China e Rusia, que foron estendendo a súa influencia cara zonas que antes eran do dominio ianqui e sobre as que EEUU pretende ter aínda control.
“As agresións criminais a Venezuela e agora a Irán, atentan no só calquera principio ético básico, senón que arrasan con todas e cada unha das normas do Dereito Internacional que emanan da Carta das Nacións Unidas. O imperialismo instaurou o secuestro e o magnicidio como ferramentas aberrantes de actuación internacional.”
Efectivamente as agresións criminais a Venezuela e agora a Irán, atentan no só calquera principio ético básico, senón que arrasan con todas e cada unha das normas do Dereito Internacional que emanan da Carta das Nacións Unidas. O imperialismo instaurou o secuestro e o magnicidio como ferramentas aberrantes de actuación internacional.
Tanto no caso de Venezuela como no de Irán e Cuba, non son nin xamais foran ameaza algunha contra ninguén, máis ben todo o contrario. Todos estes países veñen enfrontándose durante décadas á agresión, ao boicot e ao bloqueo non só dos EUA senón de todo arco político “occidental”, incluída a Unión Europea e por suposto a España vasala das políticas imperialistas.
O papel da UE e da OTAN
A intoxicación informativa que responde á posición política da social democracia europea –no Estado español a do PSOE e adláteres- ten instalado no debate público unha construción enganosa onde se lle adxudica con suavidade a Trump e Nethanyahu a responsabilidade da Guerra, iso si, citando sempre cínicamente a suposta “maldade” do “réxime” iraní.
“A UE, cos matices que se queira, foi e segue sendo un aliado necesario que fixo posible a bandidaxe da coalición Epstein.”
Obviamente, dita versión falaz esconde deliberadamente as razóns estruturais profundas do papel da UE como institución e da OTAN como brazo armado criminal ao servizo das elites capitalistas transnacionais. A UE, cos matices que se queira, foi e segue sendo un aliado necesario que fixo posible a bandidaxe da coalición Epstein.
A caradura e o dobre discurso dominan o escenario politiqueiro da socialdemocracia. Anúnciase unha suposta non autorización das bases ianquis de Rota e de Morón, cando todo mundo sabe que a utilización das mesmas é unha realidade.
Os bombardeos primeiro de Venezuela previo bloqueo naval, agora de Irán e previsiblemente de Cuba se lle saíra ben a guerra contra o estado iraniano, deixan claro da existencia de toda unha axenda ordenada polo imperialismo. Aquí non hai lugar a improvisacións, o cronograma militarista das elites anglo-sionistas está ben claro: queren saír da crise brutal onde están inmersos a través da Guerra, disciplinando a todos aqueles que como Irán lle fagan fronte.
O propio desenlace político e institucional do bombardeo e posterior secuestro do Presidente en Venezuela ou as declaracións feitas polo Ministro de Exteriores omaní –mediador nas conversas de Irán co EUA- deixando claro “a inminencia de acordo” o día anterior da agresión, deixan absolutamente claro a catadura criminal do imperialismo anglo-sionista.
Os medios como armas de propaganda.
Non é de agora nin tampouco o é desta guerra, que a desinformación se converte nunha arma case tan eficaz como os mesmos mísiles. A enxurrada de intoxicación da opinión pública sobre agresión bélica a Irán ocupa as vinte catro horas as cadeas de tv, as emisoras de radio e as portadas de periódicos e portais dixitais. Estes disciplinadamente tratan de normalizar de maneira cínica a actuación xenocida anglo-sionista.
A tarefa intoxicadora se ben é certo que se multiplicou no momento da escalada guerreira, con Irán levan moito tempo de campaña. Ao par das reiteradas intentonas das axencias anglo-sionistas por provocar levantamentos populares, foron miles as matrices manipuladoras nos últimos corenta anos, tantas como fracasos dos intentos imperialistas.
A lista das matrices destinada ao engano da opinión pública occidental é longa. A suposta obriga do velo nas mulleres é a máis sonada, pero hai máis cunha carga de perversidade e de cinismo sen límite como o caso da intervención de axentes externos –o Mossad sobre todo- asasinando xente abertamente nas mobilizacións populares para presentalos como accións represivas da policía.
“A narrativa que emana das elites políticas non ten desperdicio, cunha intencionalidade de deslexitimar, de embarrar a realidade iraniana. Calquera cousa menos ética periodística.”
A narrativa que emana das elites políticas non ten desperdicio, cunha intencionalidade de deslexitimar, de embarrar a realidade iraniana. Calquera cousa menos ética periodística. Palabras e pseudo conceptos ad hoc son habituais; “réxime”, “teocracia”, “ayatolas”…, son usados de maneira maliciosa para crear unha imaxe diabólica do Irán.
As consecuencias económicas
Aínda non son evidentes as consecuencias económicas da guerra imperialista contra Irán. O capitalismo fai xogos malabares para evitar a catástrofe económica. O bloqueo intelixente do Estreito de Ormuz por parte do Irán, está a afectar ao 20% do tráfico petroleiro mundial. O cinismo anglo-sionista e da UE chegou ao extremo de levantar o embargo aos hidrocarburos da Federación Rusa.
“A crise inevitable que está a chegar non vai quedar limitada ao custo da gasolina ou do gas. Inevitablemente repercutirá en todas ordes da actividade industrial, do campo e dos fogares.”
Pero a crise inevitable que está a chegar non vai quedar limitada ao custo da gasolina ou do gas. Inevitablemente repercutirá en todas ordes da actividade industrial, do campo e dos fogares. O actual modelo económico capitalista –por moita máscara de enerxías limpas- pasa polo consumo masivo de petróleo e os seus derivados.
Xa a estas alturas –e aínda non chego o peor- os prezos do gasóleo para a navegación marítima, para agricultura e a xeneralidade do transporte están a poñer en risco determinados segmentos económicos como a pesca e agricultura. Nesta última non só polo prezo do gasóleo agrícola senón pola brutal suba nos fertilizantes químicos.
Como en crises anteriores, os responsables da guerra imperialista e os seus monicreques aliados, non serán quen de pagala. Seremos a clase traballadora e os sectores populares quen sufriremos a batería de medidas que a bo seguro están xa nos caixóns ministeriais pendentes do seu decreto.
A escalada bélica pode ter consecuencias dramáticas
É evidente que a coalición Epstein xamais preveu a resposta contundente da República Islámica. Os feitos e o desenvolvemento da guerra a pesar da manipulación informativa así o testemuñan. O vello dito de saber como se comeza, pero non saber como remata, é aplicable á guerra do Occidente asiático.
“É evidente tamén que estamos diante dunha fase da III Guerra Mundial. Pode variar o escenario xeográfico pero os intereses capitalistas, non só petroleiros senón tamén xeoestratéxicos, caracterizan e danlle esta dimensión global.”
É evidente tamén que estamos diante dunha fase da III Guerra Mundial. A afirmación non é caprichosa nin tendenciosa. É obvio tamén que as características non serán as mesmas que as do pasado século. Pode variar o escenario xeográfico pero os intereses capitalistas, non só petroleiros senón tamén xeoestratéxicos, caracterizan e danlle esta dimensión global.
O mapa de Oriente Medio e Asia Occidental é un avespeiro construído polas políticas coloniais de Francia e sobre todo Inglaterra. Pero o mais intrinsecamente perigoso é a invención do ente sionista chamado Israel que ocupa a Palestina. Un ente que é gobernado por psicópatas que está en posesión da bomba atómica.
Non é disparatado nin é ningunha quentura de cabeza, teorizar na posibilidade real do uso da bomba nuclear por parte do ente sionista. A ideoloxía nazi que profesa a dirección do estado israelita e tal como vai desenvolvéndose a guerra, esa posibilidade está aí. E sen facer veredictos temerarios é evidente tamén que esa monstruosidade non quedaría circunscrita ao Irán.
A esquerda diante das agresións imperialistas
Sen ser inxustos pódese afirmar que a posición da xeneralidade da esquerda fronte ás agresións imperialistas é dunha mornura preocupante. Semella que a posición evoluciona en función da carga criminal das actuacións da Coalición Epstein.
“Canta responsabilidade non haberá na esquerda política e sindical no que está a acontecer coa guerra imperialista? As concesións ao inimigo por parte desta esquerda como suposto bourel de supervivencia foi e é unha quimera.”
Canta responsabilidade non haberá na esquerda política e sindical no que está a acontecer coa guerra imperialista? As concesións ao inimigo por parte desta esquerda como suposto bourel de supervivencia foi e é unha quimera. Deixou ben dito Fidel Castro: sobreviven os valentes, sobreviven os que resisten, sobreviven os que loitan.
Obviamente nin os modelos da Federación Rusa fronte o fascismo da Ucraína nin o da República Islámica de Irán, enfrontándose ao sionismo e abrazando a causa Palestina non son procesos revolucionarios ao uso, é dicir, o proletariado e as clases populares enfrontándose ás oligarquías; pero esta ecuación non se resolve dogmaticamente.
O imperialismo como a fase superior do capitalismo maniféstase de maneira asimétrica xerando as súas propias contradicións. A cegueira non nos debe de impedir o saber distinguir onde se sitúa a contradición principal en cada momento concreto. Porque efectivamente hai que estar moi cegos para non entender o papel desempeñado pola Federación Rusa, Irán ou Cuba neste contexto histórico.
Evidentemente quen determinarán eses procesos cara unha perfectiva socialista e de xustiza social, serán as masas de cada un dos países. A esquerda “occidental” demasiadas veces caeu na trampa eurocentrista para desde ese poleiro ditar a doutrina patética negadora da diversidade cultural e histórica.
Só os homes e as mulleres de calquera área do mundo serán quen de determinar e decidir sobre os seus respectivos procesos políticos e sociais. Nos últimos lustros demasiadas experiencias exportadas convertéronse en nefastos fitos que acabaron sendo as coartadas contrarrevolucionarias.
Hoxe dende a CUT manifestamos o noso alento e a nosa gratitude ao pobo iraniano, aos homes e mulleres da Federación Rusa fronte ao fascismo ucraíno e á OTAN, e o noso alento, o noso corazón e a nosa solidariedade irmá coa Revolución Cubana.











