Iº ENCONTRO
DE EX MARIÑEIROS DO BANCO CANARIO-SAHARIANO O vindeiro, VENRES DÍA 21 DE OUTUBRO, ás 19,00 Horas, no Salón de Actos do Concello de Cangas do Morrazo, vai ter lugar o 1º ENCONTRO de ex mariñeiros do Banco Canario-Sahariano. Como sabedes, desde a década dos anos sesenta, a presencia masiva de mariñeiros do Morrazo nos mares do Sáhara, foi un feito que determinou en grande medida a economía da comarca do Morrazo. Sendo os últimos vinte anos marcados pola permanente reivindicación e movilización dos traballadores daquela flota pesqueira, así como das súas mulleres. Facendo que a súa vez fora noticia permanente nos medios de prensa e na sociedade galega. Reproducimos aquí o chamamento ó I Encontro: Un grupo de mariñeiros do Morrazo hoxe xubilados que no seu día traballamos no Banco Canario Sahariano, desde fai algún tempo iniciamos un proxecto de recuperación documental sobre a presencia galega nos mares do Sahara Occidental. Este traballo previsto desde agora ó 2013, abarcará distintas fases: arquivo documental, unha exposición e edición dun album coa participación de vinte fotógrafos de prensa e rematará coa elaboración dun documental de TV. No proxecto poremos especial énfasis no enfoque social e reivindicativo manifestado no periodo 1980-2000, e que se deu en chamar a loita dos mariñeiros do Banco Canario-Sahariano, e que protagonizou durante dúas décadas a vida social dos pobos do Morrazo. Para este traballo de recuperación deste cachiño de Historia, queremos contar coa participación de todos aqueles que viviron a reivindicación do Buque Hospital (1980), os que sufriron os ametrallamentos ou secuestros (1975-1983), os que estiveron na Folga polo Convenio Colectivo (1988), os protagonistas da loita polo Acordo Pesqueiro (1995), ou os que reivindicaron na rúa as medidas sociais de acompañamento (1999).