Inspección de traballo, tamén loita de clases

393
Ricardo Castro
Ricardo Castro

Ricardo Castro Buerger  Secretario Xeral da CUT

 

 

 

As relacións sociais, e polo tanto de clase, sempre teñen unha explicación dialéctica, o que aparentan ser, aquilo que non entendemos nunha análise superficial, agocha unha explicación baseada na contradición de intereses. A clase traballadora debe estar atenta aos enganos e ao aparente, debemos de loitar contra o mundo das imaxes e saír da caverna.

Nestes días de COVID-19 atopamos moitos exemplos de imaxes que pretenden ser realidade e que están a provocar a nosa alienación, facendo que deamos por lóxicas situacións que nos escandalizarían hai dous días: roldas de prensa dun presidente apelando á unidade da patria como antivirus, rodeado das cúpulas militares, estampa na que só falta o bispo de turno; corpos militares paseando polas rúas armados lembrándonos que seguen a estar aí para dar o golpe de man cando sexa preciso; aplausos nos balcóns coma solución aos recortes que asumimos sen remisión; un rei que di renunciar á herdanza do pai sen abdicar da coroa que herdou del; solidariedade universal ante a pandemia porque afecta ao corazón da elite europea, mentres riamos cando asolaba en Asia, ou riamos cando outras pandemias e enfermidades afectaron a clases sociais e países que non importa exterminar… loita de clases e racismo, a medida do mundo son Europa e as súas clases altas.

A Inspección, pertence a un ministerio, que pertence a un goberno, que participa dun modelo de estado e dun modelo económico e, polo tanto, ten obediencia debida a súa clase.

Dende a CUT tentamos rascar no aparente, e así topamos co cinismo do capital e os seus gobernos cómplices, como o de España. Pídennos colaboración, sacrificio, responsabilidade, preparación ante a crise que ven… e dannos ERTES, ERES, despedimentos, faltas de medida de seguridade nos traballos, Decretos que ordenan confinamento e un “búscate a vida para zafar”.

Rascamos sindicalmente e topamos co Ministerio de Traballo, moi eficiente sacando a súas conclusións e brinde ao sol para ter a foto da efectividade e hiperactividade sen falar con ninguén. Recomendaba o Ministerio o peche por parte dos traballadores nas producións onde houbera risco grave: contaremos co exército para iso?. Deste Ministerio de Traballo depende a Inspección de Traballo, unha Inspección de Traballo que ao noso entender é unha pantalla inoperativa.

A Lei 23/2015, de 21 de xullo, Ordenadora do Sistema de Inspección de Traballo e Seguridade Social, di no seu preámbulo:

“…a Inspección de Traballo e Seguridade Social ten experimentado nos últimos anos un notable proceso de modernización e tecnificación no seu funcionamento, de xeito que as actuacións despregadas pola Inspección teñen gañado en extensión e en profundidade”

Di tamén nese preámbulo:

A Inspección de Traballo e Seguridade Social, en canto servizo público encargado da vixilancia e control da normativa social, contribúe decisivamente á preservación dos dereitos dos traballadores, que a lexislación laboral consagra, e ao sostemento dos sistema de protección social, para o que debe planificar adecuadamente a súa actividade de vixilancia e control”

No Capítulo I do seu Título II fala das funcións inspectoras,  e no artigo 13 das súas facultades para o desenvolvemento do seu cometido.

Todo o que podemos ler chegaría para, de cumprirse, ter a clase traballadora garantías de certa protección e seguridade. Que pasa entón? Loita de clase.

A Inspección, coma xa dixemos, pertence a un ministerio, que pertence a un goberno, que participa dun modelo de estado e dun modelo económico e, polo tanto, ten obediencia debida a súa clase.

Rascamos máis nesta crise: o novo Ministerio de Traballo está en mans de Yolanda Díaz (Esquerda Unida) que construíu un equipo de traballo con xente de CCOO ou moi próxima a esta organización (se revisamos os currículums dos diferentes cargos e persoas asesoras do ministerio atopamos estas relacións, ben orgánicas ou ben de colaboración a través de fundacións e outras perlas), un sindicato que tamén ten moita boa sintonía coa Inspección de Traballo. Ao estalar a crise do COVID-19, as grandes corporacións sindicais voltearon o seu interese en xestionar os ERTES da patronal, nin o máis xesto de protección cara as persoas traballadores, o primeiro é o primeiro, protexer ao empresario. A Inspección de Traballo desaparece do escenario, as súas primeiras medidas son, como elementos submisos ao goberno, as de obedecer o Decreto de Alarma e pasar ao teletraballo e a “non veñades por aquí que non estamos, se tal mandades un fax”, a súa segunda medida foi sacar un documento sobre como Inspección de Traballo da preferencia ao COVID-19 sen que nese documento haxa medida concreta algunha sobre o que nos interesa: que Inspección asuma a súa responsabilidade e estea nos centros de traballo que se manteñen activos, e non son tantos, para comprobar que se están a cumprir as medidas sanitarias oportunas, e iso non se fai con teletraballo. Pero non, é máis doado aludir á necesidade de obedecer e á necesidade de protexerse para seguir sendo Inspección sen contaxios, sen contaxios de clase, mentres as persoas traballadoras poden seguir nos centros de calquera xeito.

Hoxe, o que debería facer Inspección de Traballo é traballar máis que nunca, estar nos centros, inspeccionar, vixiar, multar, ser efectiva porque se non están nunha situación de urxencia coma esta para que serven?. Tivemos casos na provincia de Pontevedra na que foron as traballadoras e os traballadores os que pararon a produción (FAURECIA ASIENTOS DE GALICIA), solicitando que Inspección se pronunciara e o que fixo Inspección foi mirar cara outro lado e rezar para que parara PSA e así, por efecto dominó, todas as auxiliares como FAURECIA para non ter que ser ela quen o ditaminase. Avestruz.

O papel de Inspección ven a demostrar que estamos ante unha cuestión de clase, primeiro entendemos os intereses do patrón e logo maquillamos os da clase traballadora, facer que fago e xustificar que están para defender aos traballadores e traballadoras, e para iso contan cos sindicatos do sistema e o do Ministerio de Traballo, encargados de darlle á Inspección o selo de benefactores da clase traballadora.

A loita de clase non está só no aparente ou nas dialécticas máis visíbeis, temos que rascar e atopámola tamén entre nós, entre aqueles que din estar para nos defender e protexer. A burguesía non está só no que se ve, non está só na marca de roupa ou no “estilo de vida encantador”, está tamén detrás de moitos discursos que pretender ser nosos e de moitas institucións que existen para xustificar a benevolencia dun sistema depredador para nós. A beneficiencia do século XIX é hoxe moito máis líquida e perversa. A burguesía hoxe pode estar agochada nunha camisa de cadros. Rasquemos e saquemos a roupa.