Inspección de Traballo é incompetente, e non o dicimos só nós!

297

Leva este sindicato desde o comezo da pandemia denunciando publicamente a desaparición de facto de Inspección de Traballo, unha institución pública que ben podía ter optado por ver nesta crise unha oportunidade para situarse na cúspide do mapa laboral do lado correcto, vixiando, sancionando e corrixindo os incumprimentos por parte das empresas, que non é outra a súa razón de ser.

o papel que escolleu para esta crise: agocharse nos despachos, non baixar ao terreo e preparar unha resposta modelo para todas as denuncias que vén dicir: “desculpen, pero é que somos incompetentes”.

Pois non, nin co avance do desastre, nin comprobando cada día a base de ler denuncias que a realidade que se viviu e se vive nas empresas supera calquera ficción, virou Inspección o papel que escolleu para esta crise: agocharse nos despachos, non baixar ao terreo e preparar unha resposta modelo para todas as denuncias que vén dicir: “desculpen, pero é que somos incompetentes”.

A mediados de marzo, o Comité de Empresa de Asientos de Galicia S.L. (Faurecia) puxo en coñecemento de Inspección que paralizaba a actividade laboral porque non se estaban a adoptar medidas na empresa para evitar o contaxio pola Covid-19. Uns días despois, PSA Citröen Vigo suspendía toda actividade, arrastrando a Faurecia, que ten no xigante da automoción o seu único cliente.

Onte, case dous meses despois de que os delegados sindicais paralizasen a actividade, chegoulles por fin o informe de Inspección de Traballo. Argumentan no escrito, que sen dúbida cheira a “modelo para quitarse o marrón de enriba”, que,  literalmente:

“o risco de contaxio de coronavirus nas empresas non é alleo senón que forma parte da emerxencia de saúde pública ocasionada pola Covid-19 a escala nacional e internacional. Desde este punto de vista, hai que ter en conta que nos casos en que dito risco non deriva do propio traballo nin da natureza da actividade nas empresas e centros de traballo, non se pode considerar que sexa un risco laboral senón que estamos ante un risco de que se produza o contaxio dunha enfermidade infecciosa no entorno laboral, é dicir, que afecta á saúde pública en xeral”.

Polo tanto, conclúe o informe, como as competencias de Inspección de Traballo están vencelladas a riscos de natureza laboral, pero non a riscos doutro tipo, como é o caso desta pandemia, non pode esta institución pronunciarse sobre o que lle plantexaron os delegados de prevención, que non era outra cousa que denunciar a inexistencia de medidas de protección para o persoal co único obxectivo de que se implantasen as mesmas para poder traballar en condicións seguras.

Pois iso, que se declaran incompetentes. E desta non ó dicimos só nós.