Incendios Forestais. Patria, Nación e Autodeterminación

289

Manolo Camaño

 

 

Hoxe é martes 19, tomei o café tarde. Sobre as nove e media vinme a sentar no Café Xixón como tantas outras veces. A clientela, máis ou menos habitual, falaba de cousas diversas,  ademais do fútbol, e outros menos habituais, os “visitantes de verán” falaban tamén de cousas banais, iso si, queixosos do tempo para ir á praia. No cuarto de hora da miña estadía no café non escoitei a ninguén falar do lume que está a desaparecer o noso País.

A causa única da vaga de incendios que asolan a Terra é estrutural e sistémica. E esta non é outra que a política económica do Goberno español seguida polos seus lacaios da Xunta

Galicia un ano mais está a arder de maneira dramática. As bisbarras de Valdeorras e o Caurel nestes momentos encabezan a magnitude incendiaria mais significativa, e a previsión no sentido mais empírico do coñecemento é de que seguirán os lumes tendo en conta a sequidade do chan, as temperaturas e as políticas forestais españolas bendicidas pola lacra politiqueira galega dun e doutro signo.

No ano 2006 – foi onte- , o noso País estremeceuse cos lumes no sur de Pontevedra que arrasaron 100.000 hectáreas de monte e deu ca morte de catro veciños. Nada diso está na memoria colectiva e repetimos, e foi onte. Como é posíbel?  O motivo da propagación dos lumes é a mesmo que o esquecemento dos mesmos. Si, é directamente proporcional. A maquinaria enaxenanate  da memoria e da cultura é a mesma que está a esnaquizar o noso patrimonio natural desde fai corenta anos.

O aparato de propaganda do Réxime agochado no que chaman periódicos, radios e televisións de maneira noxenta está a deformar como o fixo miles de veces, a actualidade dos lumes. Dispoñendo de catro matrices nun baile entre sensacionalismo e manipulación, elaboran o produto cuxa finalidade é que o lector, ouvinte ou televidente non sexa consciente da causa e da responsabilidade real dos incendios forestais.

a previsión no sentido mais empírico do coñecemento é de que seguirán os lumes tendo en conta a sequidade do chan, as temperaturas e as políticas forestais españolas bendicidas pola lacra politiqueira galega dun e doutro signo.

Palabras ou frases ocas como “incendio provocado” ou “intervención da UME” son utilizadas como recurso máxico reiterado para convertelos en falsos conceptos ca intencionalidade de levar á opinión pública ó estado de choque que faga posible a neutralización da persoa como ser crítico. Incendio provocado por quen? Levan ducias de anos ca mesma, pero xamais nos dixeron nin deron nomes de incendiarios, a non ser a acción anecdótica dun enfermo. Da intervención da UME  que dicir? Cebada para o burro. Nunca os vagos foron quen de enfrontar o traballo e menos algo tan duro e complexo como enfrontar o lume. Simplemente propaganda para lavarlle a cara ó exercito de Franco.

A causa única da vaga de incendios que asolan a Terra é estrutural e sistémica. E esta non é outra que a política económica do Goberno español seguida polos seus lacaios da Xunta, que se manifesta fundamentalmente na plantación masiva de monocultivos de piñeiro e eucalipto e a ruína programada da economía agraria que supuxo o abandono masivo do medio rural.

Se profundamos no tema habería que citar como factores colaterais agravantes o cambio climático xa mais que evidente a pesar de Mariano Rajoy que se ven a manifestar entre outras cousas no incremento das temperaturas, a redución das chuvias que ten como consecuencia final a redución drástica das reservas de auga na terra e nas concas fluviais.

O aparato de propaganda do Réxime agochado no que chaman periódicos, radios e televisións de maneira noxenta está a deformar como o fixo miles de veces, a actualidade dos lumes.

Os incendios para o sistema ademais convertéronse nun negocio. Nada novo, a capacidade do capitalismo para converter todo en nicho de negocio non é nova, ate o propio lixo. Canto mais os incendios forestais que os poden vender a súa xestión como un servizo público. Pero a súa xestión basicamente é externalizada, pensemos no alugueiro dos medios aéreos para a extinción. Se houbera unha verdadeira vontade de enfrontar o problema habería un corpo estable e permanente de gardería e mantemento forestal profesional, pero iso non sería negocio para os “amigos” que viven da falcatrúa que chaman política forestal; viveiros de eucaliptos, Celulosa, empresas de extinción, etc.

O sistema capitalista español está destruíndo o noso País. Somos conscientes de que o drama dos incendios forestais non é o único factor destrutor, claro que hai mais. Pero unha análise sensata sobre o valor real e a irreversibilidade das cousas, axudaranos a entender a verdadeira gravidade do que nos ocupa. Os incendios non so son a destrución extrema dos nosos montes e os asentamentos humanos arrasados. Todo o sistema fluvial está gravemente danado polos arrastres de áridos e polas cinzas que finalmente están a matar as nosas rías.

No actual marco político non hai maneira de reverter a loucura onde nos instalou o capitalismo. Coincidimos co Manifesto da CUT para o vindeiro 25 de Xullo, cando afirma que non hai Patria nin Nación sen realidade tanxible, sen Terra, sen patrimonio e sen lingua galega. Imponse a necesidade urxente de converter a toma de conciencia nunha  gran fronte de País que enfronte as agresións que están levando a Galicia á desaparición como Nación. E como tamén di a CUT, igual que a defensa de sermos galegos e galegas a vaga de incendios forestais presente e as vindeiras, non se pararán nun proceso electoral.

O regreso da lingua e cultura nacional igual que rematar co crime que supón os incendios forestais so o lograremos exercendo a autodeterminación todos os días do ano, tamén no 25 de Xullo.