Incendios Forestais e a Necesidade Imperiosa de Salvar o País

878

 

Manolo Camaño

 

 

OS INCENDIOS FORESTAIS E A NECESIDADE IMPERIOSA DE SALVAR O PAÍS 

 Xa o dixemos hai vinte días cando daquela a vaga incendiaria criminal asolaba o Caurel de Novoneira e os montes de Delgado Gurriarán na comarca de Valdeorras. Hoxe volvemos escribir do mesmo cando o mesmo lume criminal está arrasando o noso histórico e heroico Casaio e os montes da comarca do Carballiño, sobre todo en Boborás e O Irixo. Pero isto so é o máis grave, porque ducias de pequenos e medianos incendios asolan o conxunto do País, e os galegos e as galegas –na xeralidade– observamos impasibles o drama do suicidio colectivo.

 Aínda que aos imbéciles e escuros lles soe a música trasnoitada –pola profunda ignorancia-, a única razón dos incendios forestais en Galicia é o capitalismo español. Dicíanos no ano 1982 o finado e ilustre botánico Santiago Castroviejo Bolivar,. “a gasolina xa está espallada polo País, só queda o despiste dunha cabicha, un lóstrego ou un tolo..”. Obviamente a responsabilidade iniciática, estrutural  e única é de quen promoveu desde fai sesenta anos o modelo de economía agraria actual.

e os galegos e as galegas –na xeralidade– observamos impasibles o drama do suicidio colectivo.

Evidentemente, os verdadeiros culpabeis sexan do signo político que sexan, sexan do Goberno Español, da Xunta de Galicia ou dos mesmos Concellos non aparecerán nunca en ningún periódico, dígase o aparato de propaganda do Réxime. Hoxe mesmo cando a magnitude dos incendios do que chaman provincia de Ourense é estremecedora, o principal periódico de Galicia, trata o asunto en portada dicindo que “la lluvia alivió la presión de los incendios en Ourense tras calcinar 2000 hectáreas”. Ou nas páxinas interiores cun cariz aínda mais grotesco escriben que “en Valdeorras un propietario hostelero guía a la UME para llegar al incendio”. Cátedra periodística amarela para alleados e colonizados que diría o gran Manuel María.

Causa estupor que a comunidade científica non se manifeste coa contundencia que ven requirindo a situación, non agora, fai ben de anos. Non quixeramos ser inxustos porque efectivamente existen nas Universidades do País, persoas estudosas do agro e do mundo forestal que si falan claro. Pero semella que o lobby do eucalipto lles impiden estar á altura do que os tempos esixen, máis alá dos intereses politiqueiros lexitimadores do relato oficial.

Cátedra periodística amarela para alleados e colonizados que diría o gran Manuel María.

Sería bo contextualizar  -aínda que semelle una obviedade- o fenómeno dos incendios forestais en Galicia, para poder identificar con claridade a responsabilidade criminal dos mesmos, que non é outra que a política capitalista deseñada nos últimos setenta anos e que vén desde a expulsión das comunidades agro-gandeiras-forestais, á alteración do medio natural até nos últimos anos converter a extinción nun negocio lucrativo para os amigos do Réxime.

Sería tamén desexable ser claro no sentido conceptual do fenómeno criminal dos incendios. Non podemos aillar a visión do monte no senso medioambiental, económico ou do seu uso, da comunidade humana vinculada ó mesmo durante séculos. Até os anos 40 do século pasado a harmonía no monte galego era unha realidade. a explotación agraria, o aproveitamento forestal, o pasto para o gando, os recursos hidráulicos ou a caza formaban parte da mesma paisaxe e do mesmo ecosistema sustentable. Coa acción colonizadora española veu o desastre.

Até os anos 40 do século pasado a harmonía no monte galego era unha realidade.

A finais da década dos corenta do século pasado o goberno franquista comeza a ocupación e a repoboación forestal dos montes veciñais en man común en Galicia. Esta actuación do Patrimonio Forestal do Estado apoiada polos fusiles da Guardia Civil consistiu básicamente na expulsión dos veciños no uso ancestral do monte para así propiciar o monocultivo planificado de piñeiros e eucaliptos. O obxectivo final foi o subministro barato e abundante de materia prima para ENCE, instalada pouco máis tarde na ría de Pontevedra. Máis tarde, no ano 1971, o ICONA pasa a xestionar os nosos montes e traslada o veleno eucaliptizador ás comunidades de Montes a través dos respectivos Convenios.

A finais da década dos anos 70 constitúese o lobby do eucalipto arredor do ICONA, da Escola Forestal de Lourizán e do Enxeñeiro Director Provincial do ICONA, García Borregón. Todo un grupo de presión e fabricante de ideas para lexitimar a política forestal colonizadora do País. En distintas formas e nomes hoxe fica entre nós, non hai máis que ver a prensa diaria, ou o desenfreo na replantación de eucaliptos a pesar da suposta moratoria determinada pola Xunta.

A partir dos anos 50 do século pasado prodúcese un abandono masivo das poboacións galegas do interior, primeiro con destino á emigración americana e logo europea e outras partes do Estado Español. A perda poboacional da Galicia interior acada cotas dramáticas que seguen até hoxe. Ben é certo que o abandono da economía agraria non é achacable únicamente á reforestación, pero, en calquera caso, esta é un factor determinante.

 Na década dos 80 do século pasado comeza a xestión forestal dos montes veciñais por parte das respectivas Comunidades de Montes. Estas van ser herdeiras dun monte hipotecado e inzado de piñeiros e eucaliptos. A lexítima aspiración da devolución dos montes roubados polo franquismo converteuse paseñinamente nunha xestión por encargo –salvo honrosas excepcións-  ao servizo do lobby do eucalipto.

Aínda que os cínicos e desinformados o adxudiquen ao ámbito conspiranoico, é evidente que os incendios foi negocio coa madeira queimada, até que chegou máis barata do Brasil e do Uruguai; tamén foi nicho lucrativo para  a especulación urbanística e o segue sendo hoxe como pista de aterraxe para a xa máis que presente ameaza dos Parques Eólicos.

Podemos afirmar sen equívoco aínda que lle moleste ao españolismo, tanto o recalcitrante coma o inxenuo, que a política agro-forestal española en Galicia reúne todos os factores para definila como política colonial. Efectivamente a lóxica que determina o deseño forestal non responde máis que ao estrativismo sen importarlle nada os demais factores afectados por moi graves que estes sexan.

Poderiamos estendernos días para escribir sobre as actuais políticas de prevención e extinción de incendios. Non esaxeramos ao afirmar que son simplemente aberrantes e espurias. Outra vez máis, os responsabeis políticos de Madrid e da Xunta de Galicia,  veñen converter o drama incendiario en nicho de negocio. Dedícanlle dez veces mais diñeiro público á extinción (avións, helicópteros, UMEs..) do que custaría manter o gando no monte. Dedícanlle cinco veces máis diñeiro que se mantivesen durante todo o ano, verdadeiras brigadas comarcais de gardería forestal  profesionais que manterían limpo o monte, fiscalizarían a xestión –cortas e plantacións- e serían quen de enfrontar o lume con capacidade e coñecemento do medio.

Outra vez máis, os responsabeis políticos de Madrid e da Xunta de Galicia,  veñen converter o drama incendiario en nicho de negocio.

Caer no sensacionalismo que nos vende o aparato de propaganda á hora de analizar o fenómeno dos lumes, pode levarnos á cegueira analítica. Faríanos incapaces de comprender as verdadeiras consecuencias desta lacra. O dano que producen os incendios na máis dos casos vén ser irreparable. Por moito que se esforcen en desinformarnos ou agocharnos, o dano abrangue a todo o territorio, non só ao monte afectado.

A Administración xamais fixo públicos os datos dos millóns de toneladas de áridos froito da erosión que teñen provocado os incendios e que acaban nos ríos e nas rías, alterando dramáticamente os seus leitos, facendo desaparecer a flora e a fauna. Xamais nos falan dos depósitos de cinzas que están a acabar cos moluscos bivalvos nas nosas rías.

Falando de datos obxectivos e non de especulacións, tampouco nos falan das alteracións dos caudais nos nosos ríos, regatos e fontes. Os datos veñen a ser apocalípticos. Os propios centos de “cortalumes” inútiles desaterrados polo bulldozer oficial nas verticais dos montes en pendente son verdadeiros atentados ecolóxicos que gozan da bendición da Consellería de Agricultura.

A Administración xamais fixo públicos os datos dos millóns de toneladas de áridos froito da erosión que teñen provocado os incendios e que acaban nos ríos e nas rías, alterando dramáticamente os seus leitos, facendo desaparecer a flora e a fauna.

Chegamos a unha encrucillada fatal, aínda que soe como unha afirmación tremendista. Se non lle paramos os pés  os verdadeiros autores intelectuais e estruturais dos incendios forestais, este País desaparece. Imponse a rebelión contra a maior ofensa neoliberal que atenta ao mais básico; o medio natural, a auga, a fauna e o poder respirar.

Ou os afuciñamos ou nos afuciñan.