O DOG acaba de publicar nas súas páxinas o Decreto 101/2015, do 18 de xuño. A través desta ferramenta lexislativa vénse de crear a Comisión Tripartita Galega para a inaplicación de Convenios Colectivos, e vén regular o seu funcionamento. A comisión, como o están outras, estarán representada pola Administración, a patronal e as organizacións sindicais máis representativas.
Nunha situación de normalidade democrática ou nunha sociedade de dereito, e non de dereitas, o simple enunciado da norma legal sería motivo de escándalo, e sinxelamente sería considerada un atentado flagrante ós dereitos universais da clase traballadora, que é o que en realidade é. Máis a realidade laboral actual dista moitas leguas do que tería que ser a normalidade, e chégase á aberración de lexislar e desenvolver a desactivación dos Convenios Colectivos, no lugar de protexer e obrigar ós explotadores a cumprilos.
A contradición capital-traballo tense manifestado nos últimos catro anos de maneira brutal coa desaparición paulatina da negociación colectiva. O capital, non contento con isto, tamén coa última Reforma Laboral pódese descolgar dos convenios que aínda permanecen. Os datos de Negociación Colectiva dun ente tan pouco sospeitoso de extremismo analítico como a Consellería de Traballo falan por si sós.
Por suposto, os sindicatos “máis representativos” irán correndiño a constituíren a comisión tripartita. Hai que xustificar a inacción sindical dalgunha maneira, e esta, aínda que extravagante, é unha mostra. O Pacto Social, con carácter permanente desde hai trinta anos, non é un concepto do sindicalismo radical senón o factor clave que lexitima a escalada agresiva da patronal contra os dereitos da clase traballadora.