O Xulgado do Social nº 3 de Santiago de Compostela estima a demada da traballadora despedida e condena á empresa hoteleira a readmitir á traballadora e a abonarlle 6251 euros por vulneración dos seus dereitos fundamentais. A CUT solicitará esta semana na empresa unha investigación completa das diversas queixas e denuncias de acoso que pesan sobre a Gobernanta.
Despois de varios meses fóra do Hotel Puerta del Camino da nosa compañeira, traballadora do departamento de pisos, a sentenza que se vén de ditar restaura a dignidade da traballadora, considerando que frente ás acusacións empresariais “houbo múltiples referencias nos interrogatorios ao adecuado e mesmo moi elevado rendemento e ningunha conduta subsumible en infraccións laborais, buscando cesar a quen con tales reclamacións “molestaba” e resultaba “problemática”“, en liña co que manifestou na vista o Ministerio Fiscal.
A xulgadora, considerando que o auténtico motivo do despedimento son as reclamacións de dereitos da traballadora, cun contrato precario tradicional xa no sector das camareiras de pisos, condena á empresa á súa readmisión inmediata e ao abono dunha indemnización de 6251 por lesionar os seus dereitos fundamentais.
A CUT SOLICITARÁ INVESTIGACIÓN POR ACOSO Á GOBERNANTA
A xuíza conclúe ademais que existe dende anos atrás un “malestar coa conduta e trato da gobernanta [xefa de departamento]” o que foi graficamente expresado por unha testemuña como “todo explotou despois das enquisa”.
Refírese ás enquisa que foron solicitadas polo Comité de Empresa para a prevención dos riscos psicosociais das traballadoras de pisos, e que acreditaban o mal ambiente laboral e de tensión xerado pola Gobernanta. O Comité esixiulle á empresa o resultado desas enquisas e a activación de medidas conforme a estas, ao que a empresa se negou.
Porén, foron usadas para outro fin. Segundo a Xulgadora “puido a empresa extraer información sobre que traballadoras expuxeran aquelas queixas, e que a demandante foi unha das traballadoras que, no seu primeiro ano como contratada indefinida fixa discontinua, pediu explicacións, en varias ocasións, á gobernante e á responsábel de persoal“.
A xuíza absolve á Gobernanta, que tamén estaba demandada, ao considerar que non resultaron suficientes para acreditar o acoso “as alusións testemuñais á conduta da gobernanta con outras empregadas, o temor “xeralizado” infundido pola gobernanta, a berros a empregadas ou o veto a algunhas ex-empregadas para ser chamadas por reclamar os seus dereitos“.
Porén, logo de recibir ducias de firmas de compañeiras denunciando acoso, e logo das permanentes queixas e denuncias de traballadoras que non foron tomadas en consideración polo hotel, a CUT solicitará -facilitando copia desta Sentenza- que a cadea hoteleira inicie o protocolo de acoso e ordene unha investigación ampla para averiguar o alcance dos comportamentos da Gobernanta e que a empresa depure as responsabilidades que se están a denunciar.
O sindicato celebra esta vitoria, que restaura a dignidade das traballadoras do departamento de pisos do Hotel, e agarda que sirva como mensaxe para que as traballadoras poidan vivir nun clima libre de violencia a fustigamento laboral, nun sector que o Hotel Puerta del Camino leva anos precarizando deliberadamente.