Hollande e os ricos, de Alberto Lema

89

A suba de impostos coa que o primeiro ministro neocolonial francés Françoise Hollande tenta empecer cando menos un chisco a expropiación da plusvalía á clase traballadora francesa por parte da burguesía está atopando unha forte resistencia.En España os primeiros en cualificar esta medida como “polémica” foron os propios paifocos voceiros do progresismo español ás ordes da Internacional financeira: El País. Presos na lóxica neoliberal que que pretende naturalizar a pirámide social como resultado unicamente da responsabilidade individual de cadaquén, (iso si, sen ter nunca en conta o elemento distorsionador da libre competencia que supón a herdanza), a oposición á suba de impostos aos moi moi ricos de Hollande por parte do voceiro oficioso do PSOE é un síntoma inequívoco máis da entrega total das armas ao Capital deste partido que traizoou hai moito temo o legado de Pablo Iglesias.Ante a lóxica da Globalización e o Mercado Mundial que posibilita o tráfico (fuga) constante e sen obstáculos do capitao os estados lacaios da grande burguesía financeira reaccionan desertando de calquera intención de fiscalización das contas das grandes empresas e trasladando á esfera do consumo (IVE) o peso da recadación de impostos. Esta medida, a pesar de ser claramente prexudicial  para os intereses da clase traballadora, puido servir para manter en tempos de bonanza as contas do estado español malamente cadradas, pero no contexto actual de crise apenas dan cuberto a metade dos ingresos previstos: xa non queda leite por muxir nos ubres desa vaca esfameada á que chamamos clase obreira.Dentro do marco legal  imposto polo FMI, a UE e a Troika o modelo francés, a pesar de toda a súa súa timidez e hipocrisía (a suba de impostos é chamada, de xeito paternalista, “Solidaria”) amósase como unha alternativa ao strip tease xeral da esquerda institucional española, a soldo dos bancos e das enerxéticas. Medidas como esta e como a imposición de aranceis ás empresas que produzan en países so condicións laborais consideradas “competencia desleal” introducen unha alternativa ao pensamento único rampante que non podemos menos que aplaudir. Europa, como sempre, empeza nos Pirineos.