Grupo Norte ven de ser sancionado pola inspección de traballo por non cumprir coa normativa básica en materia de igualdade ao non ter elaborado o plan de igualdade de oportunidades que esixe a lei. Esta lexislación data do 2007 polo que a empresa tivo tempo suficiente para adaptarse ao seu cumprimento. Este desinterese demostra a falta de implicación por parte do Grupo Norte á hora tomar medidas tendentes á acadar a igualdade de trato e oportunidades entre homes e mulleres e a eliminar a discriminación por razón de sexo.
A inspección provincial sancionou á empresa por cometer unha falta moi grave en materia de relacións laborais con unha cantidade que pode oscilar entre os 6.000 e os 187.000 €.
Esta empresa ven de ter un conflito coas limpadoras que prestan servizos na Xunta pola fenda salarial existente entre mulleres e homes; con categorías profesionais máis elevadas e complementos polo desempeño das súas funcións aos que non teñen acceso as súas compañeiras.
Aínda despois de ser requirida pola inspección para a elaboración do plan, a empresa aínda non se puxo en contacto coa representación das traballadoras para tentar de facer un diagnóstico real da súa situación. Grupo Norte non quere abrir a porta a que participemos da súa elaboración para que as medidas que se establezan poidan ser efectivas, prefire elaborar un plan de xeito unilateral, que se axuste ó cumprimento da norma e non afonde nos verdadeiros problemas das traballadoras.