Grave situación da limpeza no centro de Correos de A Lavacolla

362

As traballadoras do C.T.A. de Santiago denuncian que dende a chegada da actual concesionaria, a empresa Limpezas JCórdoba, existe un verdadeiro deterioramento e desleixo no servizo de limpeza. O persoal non conta co equipamento preciso para desenvolver as súas tarefas, polo que o nivel de po acumulado é alarmante a medida que pasan os días e suscita as queixas das traballadoras de Correos e do propio persoal da limpeza, que xa comezan a notar problemas de saúde.

As traballadoras da limpeza tamén sufriron atraso nas súas altas na Seguridade Social e temen que non chegue a efectuarse o pago da nómina de febreiro.

As prácticas de impago acompañan á empresa concesionaria noutros centros de Correos como o de Bilbao, actualmente en mobilizacións para esixir o pago do que se lles adebeda, e previamente na división empresarial da provincia de Alacante.

De non procederse ao pago do salario nos primeiros catro días de mes, as traballadoras do centro de Correos de Compostela valorarán ir á folga.