A situación en GKN Driveline Vigo é extremadamente grave. A empresa vén de anunciar un Expediente de Regulación de Emprego (ERE) que podería afectar a até 75 persoas traballadoras, ao tempo que incumpre compromisos asinados, recorta dereitos laborais e tenta impor unha negociación baseada no medo e na chantaxe.
No ano 2023, a dirección da empresa asinou coa representación legal da plantilla un acordo ligado a un suposto volume de traballo para o subministro de transmisións ao grupo VAG, presentado como un proxecto estratéxico que garantiría carga de traballo e estabilidade para a planta de Vigo até o ano 2035.
Ese acordo non foi gratuíto. Para acceder a ese proxecto, a empresa esixiu á plantilla importantes sacrificios e recortes de dereitos, impostos unilateralmente como criterio interno de “competitividade” entre plantas do grupo. Entre eles, a renuncia a un dereito adquirido como os 15 minutos de ducha ao remate da xornada, o aumento da flexibilidade, a limitación das subas salariais e o deterioro xeral das condicións laborais.
Hoxe, xa entrado o ano 2026, a realidade é incontestable: non existe ningunha produción en serie asociada a ese volume de traballo prometido. O único resultado real dese acordo foi que a plantilla perdeu dereitos e empeorou as súas condicións, mentres a empresa incumpre os seus compromisos sen dar explicacións nin asumir responsabilidades.
Cómpre lembrar que este acordo foi denunciado ante a Inspección de Traballo no ano 2024, o que deu lugar a un proceso de mediación no marco do AGA, con arredor de oito xuntanzas entre empresa, comité e mediadores. Ese proceso rematou sen acordo, debido á falta de transparencia da dirección, que se negou sistematicamente a facilitar información clara, verificable e completa sobre o seguimento do acordo e sobre a realidade produtiva da planta.
Ao mesmo tempo, GKN Driveline Vigo atópase inmersa na negociación dun convenio colectivo caducado desde finais de 2024. Esta negociación está a ser secuestrada pola empresa mediante o anuncio reiterado dun ERE e doutras medidas de presión, forzando unha negociación baixo ameaza que vulnera gravemente o dereito fundamental da plantilla á negociación colectiva.
Dende a CUT denunciamos que a empresa está a empregar de forma sistemática estratexias de medo e chantaxe, utilizando o despedimento colectivo como ferramenta de presión, o que podería constituír unha presunta mala fe negociadora.
No día de onte celebrouse a primeira xuntanza do período de consultas do ERE, na que a empresa presentou a memoria e o informe técnico, dando inicio formal a un proceso que ten prevista a súa finalización o 26 de febreiro.
Ante esta situación, a CUT deixa claro que non vai permitir ningún despedimento traumático, nin aceptar que a crise se resolva a costa da plantilla. A resposta sindical vai ser contundente, organizada e sostida no tempo, tanto no plano sindical como no social e xurídico.
Este domingo 1 de febreiro o comité de empresa na súa totalidade convocamos unha asemblea de persoas traballadoras e, ás 12:30 horas, unha manifestación dende a rotonda de San Andrés de Comesaña até a Praza América, para esixir emprego digno sen despedimentos, cumprimento dos acordos asinados e respecto ao convenio colectivo.
Por todo o exposto, esiximos á empresa transparencia real, negociación sen chantaxes e respecto absoluto á plantilla, así como a retirada inmediata de calquera medida que supoña un ataque inxustificado ao emprego en GKN Driveline Vigo.
A plantilla non é o problema.
O problema é un modelo empresarial baseado no incumprimento, no recorte de dereitos e na ameaza constante.
A CUT estará á altura do conflito.












