O pasado sábado día 10 de xaneiro, as rúas de Compostela acolleron unha manifestación que foi un berro solidario co pobo venezolano e coa súa soberanía. Ao igual que dende finais dos anos 70, o chan empedrado de Compostela sentiu convencido do correcto o paso firme do pobo galego contra o imperialismo.

Volven os ianquis a exercer o seu imperialismo coma entón, invadindo os pobos de América, pensando que son os seus latifundios, cun argumento semellante ao “espazo vital” utilizado por Adolf Hitler, e volve Europa a ser cómplice dun novo exercicio de fascismo por inacción e sometemento ao amo. Hoxe, máis que nunca, debe falar Karl Marx: a hostoria ocorre dúas veces, a primeira como traxedia e a segunda coma unha farsa.

Os berros na praza de Praterías contra o imperialismo e pola liberación do secuestro impune de Maduro e Cilia non poden quedar nun acto de reflexión interna ou nunha expresión da frustración ante este novo asalto á liberdade dos pobos; debe ser o inicio da toma de conciencia dos tempos históricos que vivimos, unha advertencia de que toca loita antifascista e polo tanto anticapitalista. Non son momentos de equidistancia ou escusas, é tempo da coraxe, de dicir o que pensamos e calar bocas que emiten barbarie.
O dez de xaneiro houbo solidariedade, pero tamén desapareceu a néboa, non hai posible confusión. Galicia coa Venezuela bolivariana.
































