Fusión á vista

484

Vitor Mariño

Secretario da Sección Sindical da CUT no grupo PSA-CITROËN en Vigo. Leva na empresa dende 1999.

Membro da Executiva Comarcal de Vigo e do Secretariado Nacional

Nas últimas semanas, consolidouse o que xa era un segredo a voces nos medios de comunicación: a fusión ou absorción da marca da división europea de General Motors “Opel-Vauxhall” por parte do Grupo PSA. A bolsa reaccionaba ante o rumor desta noticia cun incremento nas accións do grupo, e os inversores comezaban a mirar con bos ollos a posible operación.

Pero realmente será beneficiosa esta fusión para as traballadoras e traballadores de PSA ou de Opel?

Dende a Central Unitaria de Traballadoras/es (CUT), a pesar do entusiasmo que suscitou en diferentes sectores bursátiles, empresariais, políticos, sociais ou incluso sindicais esta noticia, non o compartimos na súa dimensión dende unha perspectiva en clave social.

A teimuda historia está chea de fusións e todas teñen un mesmo denominador común, que tras a fusión comezan a vir os primeiros peches de centros de traballo por reestruturacións dos servizos

A teimuda historia está chea de fusións entre grandes grupos empresariais pero todas teñen un mesmo denominador común no tempo: que trala fusión comezan a vir os primeiros peches de centros de traballo por reestruturacións dos servizos ou produtos que fabrican e venden. Loxicamente co peche de centros de traballo, veñen os primeiros despedimentos traumáticos, con reducións de cadros de persoal importantes.

A quen benefician maioritariamente estas fusións?

Non esquezamos que as fusións nunca son feitas dende unha clave social de creación ou mantemento do emprego, senón dun rendemento económico, cunha pretensión definida que non é outra que o aumento na marxe de beneficios das e dos accionistas.

No grupo PSA e na fábrica de Vigo temos experiencia neste xeito de proceder por parte de quen os medios de comunicación definen como o “gurú do automóbil”, que non é outro que o presidente do grupo PSA -Carlos Tavares-. E de como chegou a acadar que o Grupo PSA pasara de números en vermello a incrementar os beneficios en tan pouco tempo, en máis dun 76% neste pasado 2016.

Pois non foi precisamente por unha grande estratexia comercial, mellorando a calidade dos produtos que fabricabamos para que fosen máis atractivos para os que potencialmente podían adquirilos, senón polo camiño máis curto: coa bandeira da competitividade. Reducindo gastos esenciais á mínima expresión. Recurtando salarios e dereitos sociais adquiridos. Suprimindo postos de traballo, pechando fábricas e redistribuíndo o resto da carga de traballo entre os que continuaban formando parte do grupo.

Non esquezamos que as fusións nunca son feitas dende unha clave social de creación ou mantemento do emprego senón dun rendemento económico, cunha pretensión definida que non é outra que o aumento na marxe de beneficios das e dos accionistas.

No Centro de Vigo, sendo o buque insignia do grupo, e motor económico da recuperación de PSA, foron innumerables os ERE extintivos que puxeron en marcha nos últimos anos. A pesar dos incrementos de produción anuais, practicando á súa vez reducións salariais ás traballadoras e traballadores fixos de plantilla, eliminación de complementos, aumento da contratación a tempo parcial, externalización de traballos, e poñendo en marcha salarios e categorías inferiores para as traballadoras e traballadores de novo ingreso que viron reducidos os seus ingresos ata en tres ocasións non chegando a percibir agora ao mes nin 800€ netos polo seu traballo.

A primeira das consecuencias desta fusión, xa comeza a sufrila a fabrica de Opel en Figueruelas (Zaragoza), onde tiñan asignado entre outros modelos a exclusividade mundial da fabricación do novo Opel Corsa e Adam a partir de 2019. O día 6 de Marzo no Salón do Automóbil de Xenebra anunciábase a noticia do acordo, e 3 días máis tarde a dirección do grupo PSA paralizaba este proxecto “sine die” para esta planta, onde as auxiliares aragonesas xa tiñan asinados incluso contratos con GM, que agora esperan manteña a dirección de PSA.

Era un segredo a voces tamén que a fábrica de Vigo fabricaría a nova furgoneta K9, pero cando o Sr. Tavares asumiu a presidencia do grupo PSA estableceu unha nova estratexia no grupo, que versou en facerlle ver á sociedade e ás traballadoras e traballadores que o K9 non estaba asignado aínda ao Centro de Vigo, e para que o asignaran debiamos reducir os custos de fabricación, aumentar a flexibilidade e reducir os nosos salarios. A fábrica de Vigo foi a primeira en sufrir as consecuencias desta estratexia coa inestimable axuda dos medios de comunicación e da dirección de Vigo onde precarizaron aínda máis as nosas condicións de traballo, reduciron salarios e dereitos, co beneplácito loxicamente dunha parte importante do Comité de Empresa que sucumbiu a esta chantaxe.

O tempo fixo posible ver que, con anterioridade a ditos recortes, o K9 xa estaba asignado a Vigo, pero con esta posta en escena, conseguiuse aumentar a marxe de beneficios por cada vehículo fabricado. Quizais esta sexa a estratexia que lle agarda ás traballadoras e traballadores de Figueruelas. Unha estratexia que tamén trasladou ao resto do grupo.

A fábrica de Vigo foi a primeira en sufrir as consecuencias desta estratexia coa inestimable axuda dos medios de comunicación e da dirección de Vigo onde precarizaron aínda máis as nosas condicións de traballo, reduciron salarios e dereitos, co beneplácito loxicamente dunha parte importante do Comité de Empresa que sucumbiu a esta chantaxe.

As dietas extremas nunca son boas, e neste caso non o foi para as traballadoras e traballadores de Vigo, nin para as auxiliares do sector, que por moito que dende os organismos como o CEAGA ou a Xunta de Galiza intentasen facer ver que aumentou o emprego no sector, o certo é que se perdeu, e que os que quedaron son empregos precarios con salarios de miseria.

Despois desta dieta extrema á que nos levou este mago do automóbil, querer engordar tan rápido será saudable para o grupo, e para as traballadoras e traballadores que agora se aledan coa fusión…?

O tempo dará e quitará razóns.