Fronte ao terrorismo patronal, un botón que pare o SAF

143

As mortes no traballo teñen unha relación tan intensa coas prácticas de terrorismo patronal que os falecementos incidentais son meramente anecdóticos. O terror produtivo baséase na práctica de someter en maior ou menor medida a man de obra aos ritmos da produción ou da organización empresarial, desprezandos os límites dos corpos ata que acaba por acontecer o resultado previsíbel: a morte, o “accidente” ou a anulación psíquica da traballadora ou do traballador.

 

“A administración -que entrega primeiro os seus contratos ao mellor postor e despois os somete á libertinaxe e ao descontrol- é responsábel dos resultados deste terror no que as nosas vidas nada importan”

 

Nun país que vive a anormalidade duns servizos sociais privatizados como o SAF, a administración -que entrega primeiro os seus contratos ao mellor postor e despois os somete á libertinaxe e ao descontrol- é responsábel dos resultados deste terror no que as nosas vidas nada importan. Asume este drama calculado como un custe menor. E as máis das veces a favor do amiguismo e a corruptela.

Logo da morte de Teresa no Porriño o doado sería abstraerse da diversidade de situacións que se atenden nun sector como o dos coidados e converter o seu homicidio nunha traxedia individual, unha relación entre vítima e vitimario, e por tanto, un acontecemento inevitábel.

Pero non é así como funcionan os servizos sociais e – o máis tráxico e alarmante – estamos ante algo tan evitábel como un accidente laboral coas correspondentes responsabilidades administrativas e patronais.

En primeiro lugar porque un servizo infradotado como o de axuda a domicilio, barato para as administracións, está a ser convertido nun incomprensíbel substituto desnaturalizado de servizos sanitarios e sociais con maiores recursos e infraestruturas asistenciais. Isto confronta ás traballadoras con situacións que exceden a súa especialización e as súas posibilidades de control no ámbito domiciliario.

“Omitir que as traballadoras do social poñen en xogo a súa integridade ata o límite do “asumíbel” na xestión de conflitos inherentes á propia prestación é un divertimento institucional.”

De segundas porque este mesmo país, que mentres distribúe o lucro entre as empresas prestatarias fai descansar a calidade dos servizos na profesionalidade e por veces mesmo no voluntarismo das traballadoras, nega categoricamente o noso dereito á voz. Unha voz que nace dunha incuestionábel intelixencia e coñecemento estratéxico do punto no que o contacto coas persoas usuarias pon en severo risco a nosa integridade física, psíquica ou sexual.

Neste punto da historia omitir que as traballadoras do social poñen en xogo a súa integridade ata o límite do “asumíbel” na xestión de conflitos inherentes á propia prestación é un divertimento institucional.

Por tanto, reclamamos a inmediata incorporación dun botón que deteña o SAF. Isto é, un “botón do pánico”. Unha medida normativa de inmediata, preventiva e indiscutida suspensión do servizo persoal ante a notificación dun risco para a saúde ou a integridade sexual por parte de calquera compañeira ou compañeiro.

Isto coa inmediata suplencia do servizo cando non puider seguir a ser prestado polo SAF por aquel recurso sociosanitario urxente e especializado que proceder. Para que ningunha compañeira ou compañeiro sinta a necesidade de forzar o límite do asumíbel intentando compensar así as deficiencias desta administración-lixo que abandona a saúde das traballadoras pero tamén ás propias persoas usuarias, convertidas hoxe nunha mera cifra de negocio polos que saquean o público nos dous lados das portas xiratorias.