Folga xeral: Non é só a vivenda, é o sistema

849

A CUT decidiu secundar a FOLGA XERAL convocada para novembro pero facémolo con aqueles matices necesarios e imprescindibles para deixar clara a nosa posición. 

Secundamos a folga porque pensamos que sobran motivos -e hai xa moito tempo- para darlle unha contestación a este sistema, gobernado nos últimos sete anos por unha suposta conformación de partidos progresistas que non foi quen de porlle solucións á progresiva precariedade da clase traballadora, que obviamente non ten como exclusivo problema a vivenda senón que obedece a un sistema capitalista que na súa avarenta constitución precisa de acumulación constante de beneficios a costa da clase traballadora. 

Calquera posibilidade material de negocio que observen no seu horizonte convértese en papel moeda e é automaticamente expropiado de humanidade (educación, sanidade, vivenda, transporte, servizos públicos, man de obra migrante, medio ambiente…): é un sistema depredador da humanidade. Dende a CUT entendemos que a vivenda é un elemento máis desta deshumanización social que, neste caso, converteuse no acontecemento que exteriorizou o descontento social acumulado. 

“Queremos enfocar esta folga contra o sistema e non só contra unha das súas consecuencias, do mesmo xeito que debemos exercer unha posición crítica contra a data elixida para esta folga”

É por isto que queremos enfocar esta folga contra o sistema e non só contra unha das súas consecuencias, do mesmo xeito que debemos exercer unha posición crítica contra a data elixida para esta folga, pois algúns dos partidos cómplices co sistema que agora están no goberno están a utilizala para se proclamar como os salvadores deste desastre contra o que nada fixeron. Esta folga está a ter unha clara cor electoralista situando o debate entre a alianza fascista de PP e Vox contra unha suposta esquerda que defende os nosos dereitos. A indignación popular, unha vez máis (non temos máis que lembrar que fixo o BNG con NUNCA MÁIS, PODEMOS co 15 M, AS MAREAS coas MARCHAS DA DIGNIDADE…) é utilizada polas forzas políticas para medir as súas posibilidades de ocupar asentos no parlamento. 

Debemos tamén mencionar o indignante papel dos sindicatos corporativos CCOO e UGT, que levan anos sen convocar folga xeral algunha como se viviramos na excelencia e acordan agora cando se convocan unhas eleccións. Nesta confusión sindical entran tamén aqueles sindicatos alternativos que teñen intereses electorais no 29-N. 

Para que esta folga estivera libre de calquera sospeita electoralista só podería terse convocado despois do 29 de novembro, goberne quen goberne; este sería o único xeito de enmendar o sistema e non levar o debate a un escenario electoral no que moitas das organizacións que chaman á folga teñen por obxectivo salvar ao “goberno progresista”, ou en último caso evitar a caída libre do PSOE para manter o xogo do bipartididismo da segunda restauración borbónica. 

Nós non esquecemos. O réxime do 78 e o capitalismo que o ampara, xunto aos partidos que o lexitiman no parlamento (todos), son os culpables da situación da clase traballadora. A CUT estará nas rúas na folga xeral porque cre na necesidade de impugnar o sistema e porque quere que non se manipule esta ferramenta: o único xeito é darlle outro contido a esta folga. Non é só a vivenda, é o sistema!