Folga xeral 15O: parar para parar o xenocidio

750

O DÍA 15 DE OUTUBRO SÓ CABE A FOLGA XERAL. Facemos un chamamento á clase traballadora galega a PARAR PARA PARAR O XENOCIDIO. Hoxe non hai bandeira máis vermella que a do pobo palestino masacrado polo estado xenocida de Israel coa complicidade do capitalismo dos Estados Unidos e a vergoñenta Unión Europea.

Calquera empresa ou calquera persoa traballadora que se poña de perfil ante esta barbarie, que cambie de tema ou se preocupe por outra cousa nestes días, será cómplice ante a historia dun crime comparable ao dos nazis na II Guerra Mundial. Non hai escusas para non mostrar indignación, e quen as poña nin ten humanidade nin ten dignidade.

Calquera de nós que poña coma escusa perder un día de salario cando en Gaza, e o resto de Palestina, están a morrer coas bombas e coa fame, non merecerá outra cousa que o desprezo.

O día 15 de outubro debería ser un día no que o pobo galego (empresas, persoas traballadoras, estudantes, persoas desempregadas, persoas xubiladas…) amosara a súa dignidade e solidariedade parando vinte catro horas, como xeito de dicir que non permanecemos alleas, que o mundo non segue a súa vida como se nada estivese a acontecer; porque dentro de 50 anos os libros contarán esta barbarie e cada un de nós terá que preguntarse que fixo sendo plenamente coñecedores e coñecedoras do que estaba a acontecer.

Chamamos á clase obreira galega a secundar a folga de 24 horas e a participar na mobilizacións organizadas ás 19 h pola CUT en coordinación con outros colectivos en A Coruña, Cangas, Compostela, Ourense e Vigo, así como nas convocadas noutras horas e lugares por outras organizacións.

O 15 DE OUTUBRO OU ESTÁS COA HUMANIDADE OU COA BARBARIE.