As traballadoras do servizo de protección de menores da CUT sumáronse canda a CIG e o SNEP á folga convocada para este xoves en demanda de mesas negociadoras nos sectores de protección de menores, educación infantil 0-3 e discapacidade que melloren as súas condicións laborais.

O persoal dos tres sectores mobilizouse hoxe diante do edificio administrativo da Xunta en Compostela para demandar á Consellería de Política Social que intermedie para forzar estas negociacións.

Dende a CUT urximos a negociar un convenio galego que recolla as demandas das traballadoras para garantir un servizo de atención a menores digno: homologación salarial de todas as traballadoras do sector, creación dun marco galego negociador, dotación de máis recursos humanos e materiais e melloras nas instalacións, seguridade e coidado do persoal e dos menores.
Esta xornada de folga é un primeiro paso nesta loita, na que as centrais sindicais avanzaremos con paso firme e conxunto para poñer fin á precariedade do servizo.

Pola dignidade do sector de menores. Convenio galego xa!












