Os xornais levan días falando de “folga no sector pesqueiro” e disque “o sector maniféstase en Madrid e en Bruxelas”. O factor de fondo é o prezo do gasóleo e tamén os baixos prezos do peixe na primeira venda.Primeiramente habería que clarexar que estamos en realidade diante dun peche patronal e non dunha folga como así o denominan os medios e os armadores.A posición da CUT non pode ser ambigua neste tema, da mesma maneira que a nosa central rexeitou de plano o convite da patronal, para participar nesta campaña de eminente sentido empresarial.Non nos cansaremos de dicir que o capitalismo acaba devorando as súas propias regras de xogo, e por extensión aos seus lacaios, nas súas ansias ilimitadas de beneficios. O neoliberalismo globalizador non ten punto intermedio. No deseño da economía capitalista, o sector primario, neste caso o pesqueiro é fagocitado, dunha banda polo abaratamento dos custes de produción: explotación de man de obra semi- escrava, saqueo de recursos dos países do terceiro Mundo e, por outro lado, o sector extractivo pasa a depender enteiramente do segmento transformador e sobre todo comercializador, que son quenes determinan o prezo do produto.Nesta dialéctica, o prezo do gasóleo, co incremento brutal dos últimos anos, e a retirada por decreto da UE das subvencións, efectivamente converten á actividade en moitos casos en inviable. Pero esta razón é a punta falsa do iceberg, as verdadeiras razóns están expostas, falando de pesca: o peixe grande, come o pequeno.Non se pode estar a ben con Deus, e poñerlle un vela ao Demo. Non podemos abrazar o capitalismo como o mellor dos sistemas, e logo queixarnos de que arruína a nosa economía pesqueira. O deseño do que está a pasar estaba ben claro fai anos, no ano 1995 a Asemblea de Mariñeiros en Loita do Morrazo, fixo chegar aos Ministros de Pesca do Mundo reunidos na illa da Toxa, o documento “Pesca responsable, medidas sociais responsables”. Xa daquela, estaba ben claro o que anos despois nos iamos topar.A pesca en Galicia e no mundo camiña polos derroteiros fixados pola globalización capitalista: acumulación de ganancias do sector comercializador (díganse multinacionais), esquilmación dos recursos pesqueiros fundamentalmente do Terceiro Mundo, escravismo laboral con salarios de fame, etc.A CUT sempre defendeu e defenderá ao sector pesqueiro galego. Pero, os armadores galegos que son soporte do réxime, que contratan a compañeiros de nacionalidade malasia por 300 dólares mensuais, que escravizan os traballadores, que lle rouban os seus salarios, non poden estar connosco na mesma trincheira.Outra cousa son os mariñeiros dignos, sexan: galegos, vascos ou bretóns que decididamente piden xustiza e se enfrontan ao capitalismo que cada día nos fai máis probes e máis escravos.