Folga na CRTVG contra o desmantelamento da TV e radio públicas

233

As traballadoras da Corporación Radio e Televisión de Galicia secundaron masivamente o primeiro de catro paros convocados o 7, 9, 11 e 14 de outubro contra o desmantelamento salvaxe dos medios públicos galegos e que desembocarán nunha folga indefinida en días alternos se a dirección do ente non se senta a negociar unha saída pactada antes.

Cun paro de hora e media o persoal conseguiu evitar a emisión no seu horario habitual de “O Termómetro”, enseña da destrución dos medios públicos perpetrada pola actual dirección da CRTVG encabezada por Alfonso Sánchez Izquierdo, programa realizado en coprodución con dúas produtoras privadas que ven sustituir ao histórico programa A Revista. É un exemplo máis do desmantelamento progresivo dos medios públicos dende a chegada de Alfonso Sánchez Izquierdo, coa desaparición dos informativos locais, programas culturais e doutra índole, os máis recentes “Atmosféricos” e “Sala 5” na Radio Galega (xunto coa externalización do programa Convivir en Igualdade, agora reconvertido en “Seres” e realizado totalmente fóra da CRTVG).

“O que puidera semellar unha cuestión laboral de defensa da produción interna e dos postos de traballo, leva aparellada toda unha cuestión política esencial para as galegas: defender os medios públicos como fonte de información, formación e entremento cunha perspectiva de servizo público e pluralidade”

O que puidera semellar unha cuestión laboral de defensa da produción interna e dos postos de traballo, leva aparellada toda unha cuestión política esencial para as galegas: defender os medios públicos como fonte de información, formación e entremento cunha perspectiva de servizo público e pluralidade,  xerar unha identidade propia e garantir que se cumpren cos principios constitucionais de liberdade de información.

“A nosa forza está coas traballadoras no paro de mañá e en todos os que teñan que vir. Queremos unha CRTVG pública, plural, de todas e para todas e para iso temos que ser nós, a sociedade, quen a defenda.”

É por iso que a Central Unitaria de Traballadoras nos significamos e seguiremos significándonos sempre na defensa duns medios públicos propios e libres da manipulación e do control político que exerce a dirección da CRTVG.  A nosa forza está coas traballadoras no paro de mañá e en todos os que teñan que vir. Queremos unha CRTVG pública, plural, de todas e para todas e para iso temos que ser nós, a sociedade, quen a defenda.

Por unha CRTVG ao servizo do pobo! Non á externalización na CRTVG! Non ao desmantelamento dos medios públicos! Defendamos A Galega. Liberemos A Galega.