Folga na CRTVG contra a destrución de emprego

150

O persoal dos medios públicos aprobou en asembleas mobilizacións para esixir a consolidación de todo o emprego temporal de longa duración e evitar por volta de 40 despedimentos.

O persoal da CRTVG volverá mobilizarse. Desta volta, co refrendo das asembleas que se celebraron no ente público estes días, o Comité Intercentros deseñou un calendario de mobilizacións que arrincará este venres 8 de abril cunha concentración interna e irá subindo en intensidade ata celebrar, se nada o impide, varias xornadas de folga.

Con estas protestas, os traballadores e traballadoras da TVG e da Radio Galega queren que a empresa reabra a negociación que pechou sorpresiva e unilateralmente sobre as prazas afectadas polo proceso de estabilización de emprego que prevé a Lei 20/2021, de 28 de decembro, de redución da temporalidade no emprego público. Considera o Comité Intercentros que a dirección de recursos humanos quere ratear prazas ou postos ocupados durante anos e anos por persoal temporal que poderían estabilizarse e consolidarse nos procesos extraordinarios que se deben desenvolver ao abeiro desta Lei, que ten por obxectivo rebaixar a contratación temporal do 8%. A representación legal do persoal estima que, de non incrementarse o número de prazas que a empresa prevé convocar, perderán o emprego de xeito directo unhas 40 persoas que levan prestando servizos para a CRTVG de forma temporal e precaria, nalgúns casos, máis de 16 anos. O cómputo de prazas elaborado unilateralmente pola empresa racha de pleno o compromiso transmitido á RLT polo director de RRHH, Víctor Tubío, de que “non vai quedar ninguén atrás” e non deixa outra saída ás traballadoras que esixir vía mobilización o que a lei permite.

As mobilizacións, de carácter gradual, comezarán o venres 8 e o martes 12 de abril con concentracións nos centros de traballo, para dar paso, xa durante as xornadas dos mércores 20 e 27 de abril, a folgas parciais de media xornada que afectarán a todas as quendas horarias. De non producirse avances na negociación, está previsto celebrar folgas de 24 horas o domingo 1º de maio e o luns 2. Os lemas destas protestas serán “Pola consolidación de todo o emprego temporal e en contra dos despedimentos na CRTVG”.

O Intercentros solicitou xa xuntanzas urxentes tanto coa dirección de Recursos Humanos como co Consello de Administración da Corporación para abordar este conflito e procurarlle solucións.