A convocatoria de Folga na Automoción, levada a cabo pola CIG o pasado 28 de novembro é o último e máis claro exemplo da perversión do seu sentido. Dende a CUT pensamos que se está a caer nunha perigosa deriva semántica mudando o significado e o valor da ferramenta máis importante para a clase traballadora.
As folgas xorden, aliméntanse e expándense nos centros de traballo, e alí onde aparece o conflito que as xera, nacen das condicións obxectivas e das condicións subxectivas. Pensamos que isto é irrefutable porque a loita de clases demostrouno unha e outra vez ao longo da historia.
Na folga convocada pola CIG fallan todos os elementos anteriores menos un. Non xorde a folga dende os centros de traballo motivados polo conflito, e polo tanto, claramente, non se cumpren as condicións subxectivas. Tan só podemos considerar que existe un elemento real para a folga, as condicións obxectivas.
“Se houbera un interese real no éxito desta folga, se o motivo fora dar impulso á contestación de clase, habería que utilizar todas as ferramentas posibles para sumar e garantir o éxito. A soberbia e o sectarismo non poden ser o impulso nunha folga que pretenda ser contundente e, insistimos, REAL”
O novo paradigma utilizado pola CIG está baseado na substitución do resto das condicións pola súa proxección imaxinaria a través da publicidade, da ficción. Non se fixeron asembleas nos centros de traballo pulsando o nivel de conflito, non houbo pedagoxía nos centros de traballo, optouse por un traballo de fóra cara dentro, é dicir, optouse por crear un circo comunicativo para impulsar a falsa perspectiva de que ía existir unha folga “histórica”, con comunicados de apoio, fotos, montaxes, declaracións grandilocuentes… na vez de darlle a palabra, de escoitar e traballar cos elementos que deben protagonizar unha folga: os traballadores e traballadoras. Ao igual que se ignorou o sentir da clase traballadora, que obviamente non é só a que ten afiliación ou simpatías pola CIG, tamén foron ignoradas o resto das organizacións sindicais con representación no sector, sexa esta maior ou menor. Na CUT afirmamos, sen dúbida algunha, que se houbera un interese real no éxito desta folga, se o motivo fora dar impulso á contestación de clase, habería que utilizar todas as ferramentas posibles para sumar e garantir o éxito. A soberbia e o sectarismo non poden ser o impulso nunha folga que pretenda ser contundente e, insistimos, REAL. Non sabemos o que acaeceu co resto de organizacións pero ante as interpelacións que a CUT lle fixo á CIG só tivemos como resposta dun dirixente da mesma que nesta folga preferían ir sós. Moi indicativo da súa verdadeira finalidade.
“Usar a folga polo interese dunhas siglas, para conseguir un titular co que intentar gañar unha medalla para a lapela sen importar as consecuencias, ou sen importar que sexa secundada ou non, non pode máis que catalogarse como unha folga antiobreira.”
As organizacións sindicais, dende a nosa perspectiva, están ao servizo da clase traballadora, son ferramentas para a súa confrontación co capital, baixo ningún concepto son unha finalidade en si mesmas. Usar a folga polo interese dunhas siglas, para conseguir un titular co que intentar gañar unha medalla para a lapela sen importar as consecuencias, ou sen importar que sexa secundada ou non, non pode máis que catalogarse como unha folga antiobreira.
A folga non conseguiu parar ningún centro de traballo, entrouse a traballar con normalidade, incluso centros de traballo onde o comité está en mans da CIG sacaron comunicados dicindo que non ían secundala. A manifestación convocada neste día “histórico” non reuniu a máis de 400 persoas entre as que debemos contar persoas liberadas do sindicato e delegados con horas doutros sectores de traballo. Claro que foi algo rotundo esta folga, pero non un rotundo éxito, máis ben o contrario, por moito comunicado que se saque coa intención de mudar a realidade cun relato épico de ficción.
“Aqueles e aquelas traballadoras máis concienciadas na loita de clase van sentirse defraudadas, e os sectores máis atrasados alimentan as súas xustificacións antisindicais. Que vai facer agora a CIG despois desta folga nas redes?”
Nos preguntámonos E AGORA QUE? Xa se deu a folga-ficción, xa hai foto para a historia (iso si, se a sacas cun ángulo oportuno) pero… que conseguiron para os traballadores e traballadoras do sector? Dende a nosa humilde opinión deuse un paso cara atrás. Aqueles e aquelas traballadoras máis concienciadas na loita de clase van sentirse defraudadas, e os sectores máis atrasados alimentan as súas xustificacións antisindicais. Que vai facer agora a CIG despois desta folga nas redes? Cal é o seguinte paso?
Temémonos que en realidade non querían unha folga contundente e de éxito, porque nunha folga así as persoas traballadoras únense, failles ver que só no común poden soster a loita
contra os capitalistas, failles pensar na loita de toda a clase obreira contra toda a clase dos empresarios, contra o capitalismo parlamentario e a clase política que o sostén. Unha folga contundente pode ser perigosa se a finalidade e alimentar unhas siglas, porque unha folga contundente é incontrolable.
A historia dá e quita razóns, e tamén abre novas oportunidades para non volver errar, iso si, no caso de que exista capacidade autocrítica, reflexión, humildade e, neste caso, conciencia de clase.