Folga indefinida na CRTVG: prender o facho da dignidade

213

As traballadoras da Corporación Radio Televisión de Galicia iniciaron hoxe a folga indefinida logo de catro xornadas (7, 9, 11 e 14 de outubro) nas que cun paro de hora e media -o mesmo formato que manterán na folga indefinida nos luns, mércores e venres- lograron evitar durante ese tempo a emisión do programa O Termómetro, símbolo da exemplificación da desaparición da produción propia nos medios públicos galegos.

Trátase dun programa que reproduce o formato, contido e mesmo os colaboradores do programa A Revista, que levaba máis de 20 anos en antena e era desenvolvido por persoal propio da CRTVG.

 

“O caso de O Termómetro é só a punta do iceberg do que leva acontecendo dende hai anos nos medios públicos: o reparto entre produtoras amigas dun pastel ben apetecible polo que supón, ademais de no económico, no control ideolóxico da poboación.”

Pero o caso de O Termómetro é só a punta do iceberg do que leva acontecendo dende hai anos nos medios públicos: o reparto entre produtoras amigas dun pastel ben apetecible polo que supón, ademais de no económico, no control ideolóxico da poboación. O que non sae na TVG e Radio Galega non existe para moitas e o que sae non é cuestionado por unha audiencia fiel que cre que eses seguen sendo os seus medios, os que nos representan a todas.

Nada máis lonxe da realidade, como levan denunciando as traballadoras por todas as vías dende hai anos: folgas, mobilizacións, iniciativas coma os máis de 300 venres negros de Defende A Galega…

“Seguen berrando contra a tiranía dunha dirección que desoe as súas demandas e apelan á cidadanía e mesmo ao apóstolo ou quen sexa preciso para que as súas pregarias sexan escoitadas.”

Lonxe de perder a fe, as traballadoras da CRTVG volven converterse, malia as represalias e a precariedade coa que moitas conviven a diario, nun exemplo de loita e resistencia. E seguen berrando contra a tiranía dunha dirección que desoe as súas demandas e apelan á cidadanía e mesmo ao apóstolo ou quen sexa preciso para que as súas pregarias sexan escoitadas.

A quen escoite rogando e co mazo dando, as compañeiras da CRTVG convértense no facho que alumea no camiño da dignidade para que prenda en todas nós e defendamos o que nos pertence e precisamos: uns medios públicos, plurais, de calidade, nos que todas nos sintamos representadas e orgullosas deles como garante do noso dereito á información como cidadás.

Abramos as orellas e as nosas mans para sostelas na loita.

SOS CRTVG, PÚBLICA E PLURAL!!!

LIBEREMOS A GALEGA!!!