O vindeiro luns, día oito de xullo, comezará unha folga indefinida en CIRCET, onde a CUT ten a representación plena no Comité de traballadores/as.
Despois de varias xuntanzas para solucionar as nosas problemáticas sen chegar a acordos, fomos a un AGA onde fixamos uns mínimos para desbloquear a situación. Estes acordos foron ignorados pola empresa de xeito sistemático porque para ela a representación legal non existe, os dereitos non existen.
“Dende a CUT temos claro que están a aproveitar a situación para desfacerse dun cadro de persoal combativo á hora de esixir os seus dereitos”
Agora CIRCET ven de absorber a máis de cen traballadoras de CONFICA (respectando as súas condicións) ao tempos que van despedindo compañeiras de CIRCET, nos últimos meses, por suposta falta de carga de traballo.
Dende a CUT temos claro que están a aproveitar a situación para desfacerse dun cadro de persoal combativo á hora de esixir os seus dereitos, un persoal que será o principal sacrificado á hora dos recortes, xa que ten menos antigüidade e salario que os absorbidos, en definitiva menos indemnización.
“Os motivos da convocatoria son a política de despedimentos indiscriminados e fundamentada en motivos non xustificados, o incumprimento en materia de información e máis o incumprimento dos acordos acadados no AGA”
Claramente, os motivos da convocatoria son a política de despedimentos indiscriminados e fundamentada en motivos non xustificados, o incumprimento en materia de información do artigo 64.3 ET e máis o incumprimento dos acordos acadados no AGA entre a empresa e a RLT así coma o incumprimento sistemático do convenio.
A empresa está a tempo de rectificar coa readmisión das persoas despedidas e o cumprimento escrupuloso dos acordos. En caso contrario camiñamos cara un conflito que non parará a calquera prezo.