As traballadoras de Sistem, empresa encargada do mantemento das liñas de alta velocidade, pertencente ao grupo CPS, veñen de anunciar unha xornada de folga o vindeiro luns, 13 de abril, ante a negativa da empresa de mellorar as condicións laborais vinculadas ao traballo nocturno.
A decisión chega como única resposta logo de máis dun ano de negociacións bloqueadas, no que a empresa ignorou deliberadamente as demandas do cadro de persoal, dilatando os tempos, desconvocando reunións e sen presentar propostas concretas. Con esta convocatoria de folga lóitase porque a empresa retome as negociacións e presente propostas reais que permitan avanzar cara a un acordo xusto.
A actual compensación polas nocturnidades é insuficiente, ademais de inferior ao das compañeiras do mesmo grupo empresarial. Non están dispostas a asumir o impacto destas quendas na súa saúde, na súa vida persoal e na conciliación se non existe unha mellora na súa remuneración.
A loita é pola mellora das condicións, pola dignidade e polo respecto aos dereitos das traballadoras.
Por unha remuneración máis xusta da nocturnidade!












