Folga en defensa dos medios públicos e da democracia

90

A sección sindical da CUT na CSAG (antiga CRTVG) vén de participar no II Encontro de Comités de Empresa de Medios Públicos de Comunicación de todo o estado español organizado pola Plataforma RTVs Públicas en Loita en Sevilla este luns e martes 23 e 24 de marzo.

No encontro participaron máis de 80 representantes das traballadoras de 14 medios públicos, entre elas o Comité Intercentros da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia, do que a sección sindical da CUT fai parte.

“A manipulación informativa e a represión contra as que se enfrontan, e a crecente privatización dos servizos informativos e de todo tipo de programas de radio e de televisión, así como a precariedade das traballadoras das empresas que asumen esa subcontratación, centraron as conversas e debates que tiveron lugar nestas xornadas, onde se acordou, nunha decisión inédita e histórica, convocar por primeira vez folga conxunta”

A manipulación informativa e a represión contra as que se enfrontan, e a crecente privatización dos servizos informativos e de todo tipo de programas de radio e de televisión, así como a precariedade das traballadoras das empresas que asumen esa subcontratación, centraron as conversas e debates que tiveron lugar nestas xornadas, onde se acordou, nunha decisión inédita e histórica, convocar por primeira vez folga conxunta en todos os medios públicos do estado coincidindo co arranque das vindeiras eleccións xerais ou municipais, cuxa data aínda é unha incógnita.

Os problemas analizados poñen en risco, ao entender da plataforma, a propia existencia dos medios públicos e vulneran o dereito fundamental a comunicar e recibir información veraz. Uns medios públicos independentes e fortes son máis necesarios ca nunca ante o avance da desinformación e os fascismos, que pretenden convertelos no seu medio de propaganda e difusión de odio ou mesmo facelos desaparecer.

“O dereito á información debe ser defendido e protexido dende todos os ámbitos (laboral, político e social) e aí nos situaremos as traballadoras na punta de lanza da loita.”

O dereito á información debe ser defendido e protexido dende todos os ámbitos (laboral, político e social) e aí nos situaremos as traballadoras na punta de lanza da loita. Co noso traballo diario e a defensa dos nosos dereitos como informadoras/comunicadoras, coas nosas protestas nos venres ou martes e mércores negros, coa presión aos grupos políticos para a aplicación da European Media Freedom Act e coa saídas ás rúas e o chamado á cidadanía para que defenda uns medios públicos que son do pobo e deben estar ao seu servizo.

Podes consultar as conclusións do II Encontro de RTVs Públicas aquí:

https://drive.google.com/file/d/1qLqvMfPmcqEKRTUdxm4auiHVMBXeAHkH/view?usp=drive_link

Sen medios públicos non hai democracia.