O ano 2016, extraordinariamente convulso no electoral, deixa certa confusión no económico. O relato único da recuperación, omnipresente na prensa e forzas políticas e sindicais do sistema, imponse con matices menores. Así, a esquerda desclasada proponnos agora mobilizarnos para “recuperar os dereitos”. Como se a crise se tratase dun fenómeno superficial xa superado que só precisase dunha volta atrás no tempo.
A máxima de Goberno e patronal, “antes nun mal traballo ca no paro”, nunca foi tan agresiva.
Tentar analizar o benestar da clase traballadora en base ás cifras de crecemento ou da taxa de paro é extremadamente errado. En primeiro lugar, porque o descenso na taxa de paro ou no total de persoas paradas só significa creación de emprego se a taxa de actividade non cae ao mesmo tempo. Que baixen simultaneamente a taxa de paro e a de actividade quere dicir que existen persoas antes demandantes de emprego que deixan agora de selo pero non para traballar, senón para saír do mercado laboral. E, infelizmente, ese é un dos factores que explica en Galiza a baixada no desemprego. Desde 2012, sen recuperación significativa, o mercado laboral galego enfraquece.
Así, a esquerda desclasada proponnos agora mobilizarnos para “recuperar os dereitos”. Como se a crise se tratase dun fenómeno superficial xa superado que só precisase dunha volta atrás no tempo.
En segundo lugar, aínda existindo creación neta de postos de traballo, nada indica que sexan garantes de acceso a dereitos (vivenda, alimentación, ensino, saúde e coidados, etc.). Mesmo existen evidencias de que están lonxe de selo. Sabemos que as cotizacións á Seguridade Social por afiliada son inferiores: o incremento no número de cotizantes non acompaña un crecemento na recadación. A Enquisa de Condicións de Vida anual do INE revélanos que o 20% máis pobre é, no conxunto do Estado, o que máis renda perde desde o comezo da crise. Pola enquisa sobre Forza Laboral do Eurostat soubemos que o Estado español é líder en subempregos: contratos forzosos a tempo parcial cos que non se subsiste. A propia EPA amosa o devalo da modalidade indefinida no conxunto da contratación.
A máxima de Goberno e patronal, “antes nun mal traballo ca no paro”, nunca foi tan agresiva. En realidade agocha algo así como “antes ti renuncias ao teu proxecto vital ca nós a calquera privilexio”. Non é unha particularidade galega nin estatal, aínda que existan especificidades. A dinámica de crecemento que en Occidente presentou o capitalismo de mediados do século XX está esgotada e, con ela, a lóxica pola que o traballo é a chave da inclusión social.
2016 foi un ano precario máis para a nosa clase. Que no 2017 comecen a mudar as cousas pasa, en grande parte, por adaptar a nosa estratexia a este novo modelo.